lunes. 07.10.2024

Manuel Pérez, Cata, ten 60 anos e moito menos pelo que naquela foto de 1992, en Xinzo, a carón do Colexio Rosalía, cun grupo de mozas e mozas de Sarreaus na estrea do traxe de Vergalleiros, recuperando (e recreando) unha tradición da vila.


Cata recibe ao Diario do Limia na súa casa. Diante, subindo cara a Casa do Concello, hai uns bonecos protexidos da chuvia e do sol por un paraugas de praia. Unha brincadeira do tempo do Entroido. “Colocámolos nós, os que organizamos a festa”.


O primeiro que mostra o Cata é unha foto súa tocando o corno durante a última saída, a de hai dous anos. E explica: “o traxe consiste nun pantalón e nunha camisa de liño, a faixa coas choquiñas, as chocas dos Peliqueiros, pero máis pequenas, o chaleco e as polainas de feltro, e a carauta coa cabeza da vaca ou do touro e o corno... escollemos o corno para meter ruído, porque parece que a tradición dicía que o complemento era un pau cun rabo de raposa, pero non metía ruído”.

O Domingo de Entroido, pasado mañá, a primeira hora da mañá -”en canto aparezan os da charanga”-, 14 ou 15 veciñas e veciños de Sarreaus botarán a correr pola aldea. Outros anos aínda se achegaban até Nocelo da Pena, Freixo, Freande, Lodoselo ou Perrelos. Este ano non. Tampouco saíron o Domingo Corredoiro. “Pedíunolo alcalde”, di o Cata. En Nocelo, o concello tamén prohibiu unha celebración que xuntaba algúns veciños. Aínda hai medo á covid.


Pasado mañá volve a festa a Sarreaus. Os bonecos, unha parella de vellos retranqueiros, será testemuña divertida do regreso dos Vergalleiros. Hai 30 anos que retomaron a tradición e non pararon até o ano pasado, pola covid. Daquela foto en Xinzo aínda quedan algúns. “E vai habendo relevo. Este ano vestiranse polo menos dous cativos”, apunta o Cata.

Reportaxe 30 anos Vergalleiros en Sarreaus. Manuel Pérez Cata (3)
Hai 30 anos estas e estes eran Vergalleiros de Sarreaus. | FOTO: cedida.

O Domingo haberá porco á brasa na praza, onde colga O Meco. Os organizadores prepararán a carne. Haberá viño e pan para acompañar. Non antes das dúas e media da tarde, di o Cata, “hai quen quería empezar contra as catro, pero igual se fai algo tarde demais”. É gratis. “Claro!”, protesta. “Até hoxe ninguén tivo que pagar”. Mais este ano contan que veña menos xente e só trouxeron un porco, “dánolo os de Coren sempre”.

E vai habendo relevo. Este ano vestiranse polo menos dous cativos”, apunta o Cata.

Reportaxe 30 anos Vergalleiros en Sarreaus. Manuel Pérez Cata (2)
O Cata, no 2020. | FOTO: cedida.

 

Ademais dos Vergalleiros, en Sarreaus corre outra cuadrilla. “Dinlle a dos Vellos. Cando empezamos nós, no 92, eles non tiñan traxe. Fixérono despois. Un ano houbo unha discusión sobre quen ía á cabeza do desfile. Nós pensabamos que os Vergalleiros eramos os que tiñamos dereito. Acordouse que eles foran pechando. Desde aquela, ningún problema. Corremos xuntos. Como ía ser doutra maneira? Somos todos veciños”.


O Cata conta que ademais de Vergalleiros e Vellos, ademais do convite ao xantar e da charanga, en Sarreaus haberá unha carroza sen desfile, “porque este ano aínda estamos coa covid e o Concello prefire que non se faga”. Os Vergalleiros tamén se conformaron con vestir os traxes só un día. Son algúns menos, un pouco menos mozos, mais a ansia de troula non se perde. A tradición vive e da vida aos máis maiores. “Son eles os que nos levan preguntando todo o ano que cando saímos”.


 

NOTICIAS A LIMIA | Os Vergalleiros cumpren 30 anos e volven saír o domingo en Sarreaus