viernes. 26.04.2024

Enrique Cabana, artesán de Niñodaguia, ten 61 anos e leva "uns corenta anos" co taller. Fundouno co seu irmán en Niñodaguia, onde hai tradición. O taller leva o nome do irmán, Alfarería José Ramón Cabana Ferreiro. O irmán anda estes días nas feiras. Entre os dous comezaron a principios de ano a elaborar as olas que lles volveu encargar este ano a Comisión do Entroido de Xinzo.

O ano pasado non se celebrou o Domingo Oleiro. Pero neste 2022 a Comisión conseguiu que se recuperase o ciclo. A segunda fin de semana toca o Meco e as olas. O Meco celébrase o sábado. "O desfile sae da praza de Oriente cos veciños vestidos con roupas de época, labregos, corozas, acompañados por gaiteiros e todos alumando as rúas con fachóns de palla ardendo", conta Edelmiro Cerredelo no seu último libro. Despois vén o aforcamento na praza Maior e a foliada. O domingo son as olas.

As olas chegaron este xoves a Xinzo. O Museo do Entroido, pechado ao público, fai as veces de almacén. Enrique e José Ramón elaboraron 200 pezas. "Levamos oito ou nove anos colaborando co Entroido de Xinzo, antes facíaas outro taller de Niñodaguia, pero o propietario xubilou e pasáronnos a nós a encomenda". Haberá outras 50 olas pequenas para o Oleiro infantil.

Olas 3
Colocación das olas no carro para o Oleiro infantil. | FOTO: Noelia Caseiro

 

"O proceso é sinxelo, mais leva o seu tempo", explica Enrique. O barro de Niñodaguia, unha materia prima excelente, lévase o torno. Moldéanse as olas. E quedan a secar. "Depende de moitos factores, pero poden botar quince días secando". Despois, entran no forno. "Non sei dicir cantas facemos por día, imos pouco a pouco porque o secado é imprescindíbel. Sabemos que hai que empezar mes e medio antes".

O carro de olas da Asociación da Pantalla volverá saír este domingo do Museo. Levará as olas, cargadas de fariña, auga ou confeti, até a praza de Oriente e a praza Maior. Alí se celebra o xogo das olas. "Estas olas non levan asa, é a única diferencia cunha ola normal que serve para coller auga... pero como estas son para romper, pois xa non se lle pon".

No Museo do Entroido, a xente da asociación, encargada de organizar a fin de semana máis tradicional do Entroido, afanábase esta tarde en colocar os recipientes. O Oleiro está de volta. Pouco a pouco, o Entroido 2022 vai collendo forma, como ese barro de Niñodaguia que traen para escachar en Xinzo. 

"Lévanas todas e non devolven nin unha", retruca Enrique desde o taller de Niñodaguia. "A olería está mal. Somos dous talleres agora. Está mal como está mal case todo", láiase. 

"Estas olas non levan asa, é a única diferencia cunha ola normal que serve para coller auga... pero como estas son para romper, pois xa non se lle pon" (Enrique Cabana)

olas (1)
Descarga das olas, esta tarde en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro

NOTICIAS A LIMIA | O Museo do Entroido xa garda as olas para o domingo