lunes. 10.08.2026

A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza a XLI edición das Xornadas de Folclore, que darán comezo este luns, 10 de agosto, coa cerimonia inaugural no Teatro Principal ás 20:30 horas. O acto inclúe o tradicional desfile de bandeiras e a actuación do grupo de baile Castro Floxo, pertencente á Escola Provincial de Danza, como benvida ás delegacións internacionais.

Un total de preto de 170 artistas procedentes de catro continentes percorrerán 16 vilas ourensás ata o 20 de agosto para amosar a música e a danza tradicional dos seus países de orixe. As agrupacións participantes nesta edición son Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center (Armenia), Elenco Ñukanchik (Ecuador), Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua (México), Folk Dance Group "Tucović" (Serbia), YiTzy Folk Dance Theatre (Taiwán) e o Ballet Jammu (Senegal), formación que se incorpora ao programa en substitución do grupo kenyano Kikwetu Afrika Music and Dance Group por incidencias de última hora.

A xira conxunta pasará polos municipios de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia (16 de agosto). Cada noite actuarán dúas agrupacións de xeito gratuíto en cada localidade. Os espectáculos colectivos coas seis formacións sobre o escenario celebraranse o martes, 18 de agosto, na Praza Maior de Ourense, e o mércores, 19 de agosto, no Auditorio do Castelo de Ribadavia, previamente á partida das delegacións o día 20. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e dos concellos participantes.

As XLI Xornadas de Folclore levarán a música e danza de seis países por 16 vilas ourensás