jueves. 25.04.2024

A Comisión organizadora do Entroido de Xinzo de Limia acordou onte a suspensión das actuacións musicais o sábado do Petardazo e tomou ademais a decisión de que o Concello non reparta fariña na praza a tarde do Domingo Fareleiro como viña sendo habitual en anos anteriores á pandemia. 

Na reunión, na que estiveron presentes a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, acordouse ademais promover unha xuntanza coas organizacións dos entroidos de Laza e de Verín coa finalidade de "unificar criterios".

A tres semanas do comezo do ciclo do entroido limiao, a Comisión organizadora empeza a deseñar unha celebración "evitando as aglomeracións e limitando no posíbel atraer visitantes de fóra de Xinzo", en palabras de Ramiro Rodríguez. O concelleiro de Cultura explica que no entroido deste ano podería haber charangas, carpas e iluminación mais os concertos e as orquestras están case descartadas. 

No Petardazo, a Comisión prescindirá das charangas aínda que o reloxo fará a conta atrás. Ao día seguinte, o domingo 6 de febreiro, a xente que queira celebrar o Fareleiro poderá facelo en función das restricións en vigor, mais desde a organización non se repartirá fariña como era habitual. 

En canto á coordinación con Laza e Verín, a presidenta da Comisión, Adriana Jiménez, avanza que se tratará de "unificar criterios" a través dunha posta en común de ideas. "Non tería sentido que en Verín houbera concertos e aquí non, ou a inversa", indica Jiménez. E fala dun entroido en Xinzo "máis pequeno, máis familiar e máis espontáneo".

NOTICIAS A LIMIA | Suspendido o Petardazo e o reparto de fariña por parte do Concello...