O BNG de Xinzo, a través do seu voceiro municipal, Camilo Vila, e da súa responsable local, Mirian Opazo, recolleu nos últimos días as queixas trasladadas por diferentes profesionais da hostalaría local en relación coa organización das Festas de Santa Mariña.
Desde a formación nacionalista sinalan que o Goberno municipal non tivo en conta ao sector á hora de deseñar a programación e decidir concentrar nun único punto a maior parte das actuacións musicais das festas patronais. Os empresarios mostraron o seu malestar pola escasa afluencia de persoas nas zonas onde se atopan os establecementos hostaleiros durante as noites festivas, pero sobre todo pola sensación de non teren sido escoitados na toma de decisións que afectan directamente á súa actividade económica.
As reclamacións tamén poñen o foco na falta de información e transparencia na organización da barra instalada na zona dos concertos. A xestión deste servizo non contou cun proceso público que permitise coñecer a intención da concellaría nin as condicións da mesma, algo que require, cando menos, unha explicación por parte do executivo local.
Ante esta situación, o BNG reclama ao goberno municipal que escoite as demandas do sector e que aclare os criterios baixo os que se tomou esta decisión, así como a forma en que se executou o procedemento.
