viernes. 19.04.2024

Cristina Martín, médica e xefa de servizo en funcións, e María José Feijoo, enfermeira e coordinadora de servizo, atenden ao Diario do Limia na sala de reunións do persoal do Centro de Saúde de Xinzo a semana anterior a que autoridades locais e autonómicas concreten novas normas sanitarias para o control da pandemia. Margarita Pérez, médica, a referencia no centro para asuntos de covid, incorpórase uns minutos despois. A presión sobre a atención primaria remitiu un chisco, pero os profesionais seguen a facer horas extra.

“Apoiamos as decisións do Concello de Xinzo e da Comisión do Entroido de suspender determinadas actividades no Entroido. Se queremos ter festa, é preciso entender as circunstancias nas que se produce. Segue habendo contaxios, porque esta variante é moi contaxiosa. Non podemos relaxarnos”, di Cristina Martín.

“Estamos no límite, estamos con moito traballo e pouco descanso. E nestas condicións, se volvemos atrás, as que caeremos seremos nós”, advirte Margarita Pérez. “Esta semana [pola pasada] é a primeira desde antes do Nadal en que estamos todas en enfermaría. Xa estamos caendo”, anota  María José Feijoo.

As responsábeis sanitarias lembran que esta sexta onda da pandemia está afectando a nenos, a mozos e aos pais e nais deses nenos e mozos, á xente que máis interacción social ten, “aos que saen da casa”. Pérez, que desde hai dous anos é a encargada de ler e estudar todos os protocolos e recomendacións contra o virus, lembra que a terceira onda, a de xaneiro e febreiro de hai un ano, foi a máis agresiva e a que causou maiores problemas de saúde e someteu o sistema a unha maior presión.

“Esta provoca menos casos graves, pero son moitos casos cada día, casos leves, que supoñen baixas, deixar nenos na casa sen colexio, e unha sobrecarga asistencial forte”, comenta Martín. Os pacientes seguen entrando polo circuíto covid e son atendidos nel. O primeiro que se lles fai é un test de antíxenos. Despois o tratamento adoita a ser sintomático, “son cadros de gripe ou catarro en vías respiratorias altas”. Nesta onda houbo ingresos hospitalarios e un falecemento dun paciente con covid. 

Os cribados restaron presión sobre a atención primaria. A vacinación tamén axuda, un 80% da poboación limiá está vacinada con dúas doses, “o 93% no caso dos maiores de 80 anos”, apunta a responsábel de enfermaría. 

As xefas, Martín e Feijoo, coinciden en agradecer “a paciencia e a responsabilidade” coa que se ten comportado “a xente maior”. Din que se non fose polas avoas e os avoas, “que están sendo prudentes, quedan na casa e cando veñen o centro esperan o que faga falta porque entenden a situación” non terían sido quen de sacar adiante todo traballo.

Medidas hixiene. Centro de Saúde de Xinzo. Covid. CoronavirusMáis do 90% dos casos de covid-19 desta sexta onda concéntranse en Xinzo.

Os casos novos rexistrados nos últimos 14 días na comarca baixaron de 297 (dato da semana do 17 ao 23 de xaneiro) até os 277 (dato de hoxe). Máis do 90% dos casos concéntranse en Xinzo. Os cribados restaron presión sobre a atención primaria. A vacinación tamén axuda, un 80% da poboación limiá está vacinada con dúas doses, “o 93% no caso dos maiores de 80 anos”, apunta a responsábel de enfermaría. 

A onda parece remitir. Pero as médicas non se relaxan. Son oito no Centro de Saúde de Xinzo. Con cotas de 1.200 pacientes. Non hai substitucións. Nin médicas nin enfermeiras. E en canto aumenta a presión sobre o sistema, o primeiro que se reforza son os hospitais. Na atención primaria seguen as mesmas. A mesma dotación que antes da pandemia.

covid xinzo ambulanciaUn 80% da poboación limiá está vacinada con dúas doses, o 93% entre os maiores de 80 anos.

“A última semana de decembro e a primeira de xaneiro, hai nada... estivemos ao límite. Esta variante é explosiva en canto aos contaxios. As reunións sociais de non conviventes son un dos focos principais. As medidas restritivas axudaron. Pero se non se usa sempre a máscara e se manteñen as distancias, imos volver atrás”, insiste Margarita Pérez, que volve ser reclamada polo traballo. 

“Pido axuda a toda a poboación. Empezamos a ver a luz. Teñamos un Entroido sen aglomeracións e en sitios abertos na medida do posíbel. Xa sei que a xente non ten porque saber das dificultades que atravesa o servizo de saúde, a falta de substitutas e todo iso... pero que pensen que se tardamos catro días en atender un positivo en seguimento será por algo, porque estamos ao límite”, conclúe Cristina Martín. “Así que, por favor, axúdennos. Prudencia”.


 

NOTICIAS A LIMIA | As sanitarias piden prudencia no Entroido: “Estamos ao límite, e se...