Emilio Pazos (Trasmiras, 1975) afronta as que poden ser as súas eleccións municipais máis difíciles dos últimos tempos. O candidato do PP en Trasmiras e alcalde da localidade aspira a ser reelixido, despois dun último mandato no que moitos proxectos non saíron adiante e poden condicionar os resultados electorais. A residencia de maiores ou a parcelaria son algúns deles e, pese a non ser unha realidade, os traballos administrativos están a avanzados e conta con que no próximo mandato se materialicen.
De saír reelixido, cumprirá 20 anos na alcaldía ao longo do próximo mandato. É unha motivación para encabezar de novo o proxecto do PP na localidade?
A motivación é moita. Despois destes 17 anos, revalidar unha nova maioría é algo díficil, supón que os veciños danche unha vez máis a súa confianza. A cuarta maioría sería todo un orgullo. É algo moi importante para min, por toda esa xente que me apoiou ao longo destes anos e quero destacar a Delfín Paz, xa que a pesar dos seus problemas de saúde, segue estando ao meu lado.
Que pode dicir do equipo que o acompaña na candidatura?
Só temos como novidade ao número 2, Óscar Rodríguez. O seu pai xa veu conmigo na lista que gañou Adolfo Sueiro e foi unha persoa que valorei moito, na que me apoiei cando collín eu a alcaldía de súpeto. Tívenme que aconsellar cos máis veteranos para forxarme. A día de hoxe, toda esa xente segue estando ao meu lado e é todo un orgullo. Son persoas de confianza que van traballar por Trasmiras.
A residencia de maiores é un dos grandes proxectos previstos para Trasmiras, pero que non termina de facerse realidade. A que se debe o seu retraso?
O goberno do Concello de Trasmiras ten varios frentes abertos, proxectos moi importantes polos que levamos moito tempo pelexando. Algúns exemplos son o cemiterio de Vilaseca, a residencia de maiores ou a concentración parcelaria en Trasmiras. O obxectivo é ter o concello estruturado, porque hoxe temos 4.500 hectáreas concentradas máis outras 300 que se van a reformular, polo que temos que aproveitar, dun xeito ou doutro, as restantes. Non podemos ter o patrimonio e o territorio en total abandono, iso é o que no quere este goberno. Só nos vai expoñer a perdelo. Se os propietarios non queren a concentración parcelaria, buscaremos outras alternativas para aproveitar esa terra. Temos un patrimonio natural excepcional que precisamos explotar dalgunha maneira. Todo o que fagamos será coa bendición dos veciños e propietarios.
De todo isto, queda unha pequena parte de terreo sen xestionar e aí é onde están proxectadas as iniciativas que temos previstas para Trasmiras. O problema neste mandato foi que non os empezamos antes pola falta dun Plan Xeral de Ordenación aprobado. Sen el, non se podían iniciar os plans parciais. Unha vez que estaba todo en orden, tivemos a desgraza de sufrir unha pandemia que o modificou todo. Paralizou as administracións e mudou as prioridades de todas elas. Non foi sinxelo continuar con todos os trámites e non pretendo que soe como unha excusa. O que si podo dicir é que estes proxectos teñen a piques de rematar toda a súa tramitación administrativa, polo que tan pronto comece o próximo mandato, vanse poder licitar as obras, que ó final é o que máis valoran os veciños. Todos estes grandes proxectos teñen un traballo moi duro por detrás, antes de que as máquinas se poñan a traballar.
Cre que lle poden pasar factura estes retrasos nas eleccións?
Eu creo que si terá un prezo político e temos aí un problema. A oposición vaise valer disto para dicirlle aos veciños que prometimos cousas que non están feitas, pero hai un traballo previo realizado. Que eles queiran plantexar estes proxectos doutro xeito, suporá perder todo o tempo e o diñeiro que gastamos nós en sacalos adiante, porque deberán empezar de novo. O que queremos é que lles digan a verdade aos veciños, que se van aproveitar do traballo que está feito e eles rematarano se chegan a gobernar, pero o que lles din é o que quere escoitar a veciñanza. Pídolle que confíe en min, porque eu dígolles onde quero facer os proxectos, como e con que cartos. Xa firmamos convenios coa Deputación para a residencia e o cemiterio de Vilaseca. O parque empresarial é fundamental para Trasmiras para apoiar ás empresas que existen, que medren, e para que outras se instalen. Estamos nunha posición estratéxica, en paralelo á A-52 e contamos con dúas saídas á autovía, que temos que aproveitar.
Se os partidos da oposición gobernan e queren plantexar os proxectos doutro xeito, suporá unha perda de tempo e diñeiro polo traballo que nós temos xa feito
Que outros proxectos levan no seu programa?
Recuperamos unha feira e comprobamos que se consolidou. Por outro lado, temos un pavillón deportivo que nos permite organizar unha planificación de feiras temáticas anuais e queremos traballar nelas. Unha posibilidade é organizar unha feira de artesanía en agosto, cando hai máis xente no concello, e darlle a oportunidade de expoñerse a pequenos artesáns e comerciantes da zona e arredores. Hai un nicho de posibilidades que está sen explotar na comarca.
Por outra banda, queremos chegar á xente que ten vinculación familiar con Trasmiras. O noso desexo é que esas persoas, sexan fillos, netos ou bisnetos de xente do noso concello, teñan a Trasmiras como a súa primeira opción de ocio e tempo libre cando estén de vacacións ou poidan botar aquí unha tempada. Por iso estamos traballando nos campamentos de verán cos nenos para que, cando os pais lles digan que van vir a Trasmiras, sexa a mellor nova para eles. Esta xente tamén son veciños do noso concello, só que teñen a mala sorte de non vivir aquí.
Ademais, a aprobación do Plan Xeral foi algo moi importante para min, porque sen el había moita xente que non podía facer a súa vida e crear o seu fogar en Trasmiras. Era primordial sacalo adiante porque dámoslle a oportunidade ás familias de quedar aquí a vivir. Este plan foi unha cousa pola que pelexei moito, pero non se ve todo o que se tivo que facer para conseguilo. Só vai saber o importante que é unha familia que queira construír unha casa nos seus terreos, pero tamén se apreciará porque teremos un concello ordenado con vivendas nun sitio concreto, naves industriais noutro e así con moitas outras cousas. Con isto xa temos a ubicación para os proxectos que queremos desenvolver e niso estamos.
O Plan Xeral que aprobamos é moi importante, porque sen el, a xente non podía facer a súa vida e crear o seu fogar en Trasmiras
Por último, o campo de fútbol querémolo reorientar para outro tipo de actividades deportivas. Crearemos un complexo que poidan desfrutar os veciños e planificar unha ruta de sendeirismo que empece e remate nel, permitindo o uso de vestiarios e optimizar o emprego deste servizo público. Sobre a BTT, na que xuntamos a uns 250 ciclistas un día ao ano, o que pretendemos é que esta xente toda veña máis veces, polo que prepararemos a ruta de forma permanente.
Que expectativas teñen para o 28M?
A única opción que contemplamos nós é loitar pola maioría absoluta. Estamos traballando para conseguila e intentaremos conseguir o mellor dos resultados, porque é a maneira que temos de que os veciños nos validen o traballo feito e que están de acordo.