lunes. 18.05.2026

Concello de Trasmiras protagonizou un dos episodios máis vergonzosos na xestión da súa comunicación pública institucional co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Nunha publicación oficial difundida a través dos perfís sociais do consistorio —e retirada de xeito apresurado tras desatarse a indignación da veciñanza—, a administración local felicitou o día grande da cultura de Galicia utilizando a imaxe e a biografía de Luísa Villalta, autora homenaxeada no ano 2024. Deste xeito, a canle oficial do municipio ignorou por completo a figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño, a persoa á que toda Galicia rende tributo oficial neste 2026.

O desafortunado descoido colocou ao rexedor municipal nunha posición de extrema vulnerabilidade política. O BNG de Trasmiras, liderado pola súa portavoz María do Mar Alonso, reaccionou con dureza e indignación a través das redes sociais, cualificando de inadmisible que unha institución pública demostre semellante nivel de desinterese cara ás señas de identidade e a cultura propia. Ante este escenario, resulta lexítimo interpelar directamente ao alcalde de Trasmiras: coñece o rexedor o calendario cultural de Galicia ou delega ás cegas a imaxe oficial do municipio sen exercer control ningún sobre as publicacións que emite o seu propio goberno?

Máis aló do descoñecemento político que este feito evidencia, a crise destapa unha preocupante falta de fiscalización sobre as contratas públicas de comunicación. Este feito contrasta que a empresa que actualmente xestiona as redes sociais e a área dixital do Concello de Trasmiras carece da profesionalidade mínima esixible para desenvolver un traballo tan sensible e representativo. Emitir unha mensaxe errónea nunha das datas máis sinaladas do calendario autonómico, sen contrastar datos elementais de dominio público, constitúe unha neglixencia técnica grave que os veciños de A Limia non tardaron en censurar.

A pesar do intento do goberno local de silenciar o erro mediante o borrado da publicación, as capturas de pantalla da felicitación errónea continúan a difundirse nas plataformas dixitais. A oposición e os colectivos culturais esixen agora que o alcalde asuma a responsabilidade política deste desatino e aclare de inmediato que medidas se van tomar coa adxudicataria da comunicación municipal. Este escándalo deixa claro que a cultura e a memoria histórica de Galicia non poden quedar a mercé da deixadez administrativa e a falta de supervisión institucional.

Sabe o alcalde de Trasmiras a quen se dedicaron as Letras Galegas? | NOTICIAS XINZO