A IMAXE DE... | Colaboración entre a Xunta e Vilar de Santos para impulsar o emprego e a dinamización local
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo este martes unha reunión de traballo co alcalde de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, no marco do compromiso da Xunta de Galicia por estreitar a colaboración cos concellos.
No encontro participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. A xuntanza serviu para analizar posibles vías de cooperación en materia de emprego e de dinamización territorial vinculada ao comercio e á artesanía.
Durante a reunión abordáronse diferentes liñas de actuación orientadas a favorecer o desenvolvemento económico e social do municipio, facendo especial fincapé no apoio ao tecido local e no impulso de iniciativas que contribúan a xerar oportunidades laborais no ámbito rural.
Desde a Xunta subliñouse a importancia de manter un contacto directo cos gobernos locais para coñecer de primeira man as súas necesidades e avanzar en políticas adaptadas á realidade de concellos como Vilar de Santos, co obxectivo de fortalecer a economía local e mellorar a calidade de vida da veciñanza.