Aberto o prazo ata o 20 de maio para o III certame literario Antón Tovar | NOTICIAS XINZO
O Padroado do Museo da Limia acordou na súa xuntanza do 14 de abril a convocatoria do III Certame Literario Antón Tovar, unha iniciativa que busca fomentar a realidade cultural da comarca e reforzar a figura do poeta limiao. O certame conta co patrocinio de Bienestar Hoteles y Resorts SL e inclúe ademais unha nova solicitude á Real Academia Galega para que lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027 a Antón Tovar Bobillo.
A decisión tamén contempla render homenaxe ao profesor Xesús Alonso Montero, considerado un dos principais valedores da obra de Tovar, así como instar aos concellos da Limia, asociacións culturais e á Deputación de Ourense a adherirse a esta iniciativa impulsada desde o Museo da Limia.
Xesús Alonso Montero mantivo unha estreita vinculación coa obra do autor desde 1974, cando participou na edición de Antonio Tovar, poesía galega completa, ata o último libro do poeta, Cadáver adiado (2001). Nos últimos anos colaborou activamente en múltiples actos promovidos polo museo, centrados na difusión da figura e da obra de Tovar máis alá do ámbito ourensán.
Antón Tovar Bobillo (1921-2004), natural da Pereira, en Rairiz de Veiga, está considerado unha das voces líricas máis relevantes da literatura galega da segunda metade do século XX. Autor de sete poemarios entre 1962 e 2001, a súa obra caracterízase por unha profunda reflexión existencial sobre a condición humana, complementada por títulos como Diario sin datas (1987), Diario dun vello revoltado (2001) e o volume de relatos A grande ilusión e outros contos (1990).
O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas, cun máximo de tres obras por autor ou autora. Os textos deberán ser orixinais, inéditos e escritos en lingua galega, podendo presentarse en prosa (ata 200 palabras) ou en verso (ata 30 versos), sempre cunha temática centrada en aspectos da realidade limiá.
Os traballos deberán enviarse por correo postal ao Museo da Limia antes do 20 de maio de 2026, identificados cun lema e sen datos persoais visibles. O premio único está dotado con 600 euros, mentres que o fallo do xurado darase a coñecer o 13 de xuño, coa entrega prevista para o 20 de xuño nun acto conmemorativo no propio museo.
A obra gañadora será publicada na revista Tempos Novos, e a participación implica a aceptación íntegra das bases do certame.