Resposta pública do goberno local

O BNG de Vilar de Santos denuncia bulos do PP e desminte falsas acusacións

O BNG de Vilar de Santos responde ás acusacións do PP

Bloque Nacionalista Galego de Vilar de Santos sae ao paso das declaracións realizadas polo Partido Popular no municipio e denuncia unha estratexia baseada en acusacións falsas e informacións distorsionadas, froito do descoñecemento, do afán difamatorio ou da falta de capacidade para interpretar os datos municipais.

 

Dende o BNG local lembran que a concelleira popular afirmou publicamente que o Concello non conta con orzamentos dende o ano 2022, algo que non se corresponde coa realidade. Os orzamentos municipais foron aprobados tanto en 2023 como en 2024, están recollidos no Boletín Oficial da Provincia e, ademais, na vindeira semana someteranse a aprobación os correspondentes ao exercicio 2026, un feito que a edil debería coñecer.

 

Tamén se puxo en cuestión a situación económica do Concello, falando dunha suposta débeda e dun resultado negativo no ano 2024. Porén, segundo indican dende o BNG, Vilar de Santos non mantén ningunha débeda, o remanente de tesourería foi positivo e o Concello atópase ao día nos pagos aos provedores, cun saldo económico claramente favorable.

 

No mesmo sentido, sorprenden as referencias a dimisións realizadas pola concelleira popular, tendo en conta que ela mesma ocupa o cargo tras a dimisión de Remedios, a única concelleira obtida polo PP nas últimas eleccións municipais, producida un ano despois dos comicios. Unha renuncia que foi xustificada por motivos persoais, aínda que cabe preguntarse se, seguindo a súa propia liña argumental, podería responder a outras razóns internas.

 

Dende o BNG cuestionan tamén as razóns que levan á edil popular a realizar este tipo de afirmacións, ben sexa polo seu escaso vínculo co día a día do concello, xa que reside en Ourense e limita a súa presenza ás sesións plenarias, ou pola falta de coñecemento do territorio, chegando a descoñecer lugares emblemáticos como o Ruxidoiro, a Fontevella ou o forno de Barrio, ou incluso por non comprender a información económica malia ser explicada pola secretaria municipal.

En calquera caso, dende o Bloque conclúen que este tipo de actitudes non son novas e lembran as palabras de Don Quixote: “Ladran, querido Sancho, sinal de que cabalgamos”.