O ciclista limiao, Carlos Canal, Premio Pedra Alta 2025
A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia acordou, na reunión celebrada o pasado 30 de outubro, conceder o Premio Pedra Alta 2025 ao ciclista limiao Carlos Canal, na súa oitava edición. A decisión tomouse por proposta do Consello Asesor do propio Padroado e coa presenza de arredor de vinte membros na xuntanza celebrada en Vilar de Santos.
Carlos Canal (Xinzo de Limia, 2001) é actualmente corredor profesional do Equipo Movistar. Comezou a súa traxectoria deportiva no Club Ciclista Maceda con só 14 anos, destacando xa en categorías inferiores, onde logrou varios Campionatos de España en BTT e ciclocross, ademais de dous triunfos en Copas do Mundo Júnior e diversos podios internacionais.
O Padroado destaca que, "na figura dun rapaz novo que, grazas ao seu esforzo, é un deportista de elite", queren render homenaxe a todas as persoas da Limia que empregaron e empregan a bicicleta como medio de transporte sostible, así como aos talleres ciclistas que tiveron un papel fundamental na comarca ao longo dos anos.
A carreira profesional de Canal inclúe o seu paso polos equipos Burgos-BH e Euskaltel-Euskadi, que lle permitiron competir en probas de máximo nivel como a Vuelta a España. Con apenas 24 anos, forma parte da elite mundial das clásicas e é o único ciclista galego nun equipo World Tour, levando o nome da Limia por todo o mundo.
A entrega do galardón —unha réplica en granito da Pedra Alta realizada polo escultor Xosé Lois Carreira, xunto cun diploma acreditativo— celebrarase nun acto público no Museo da Limia, cun acompañamento musical do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada incluirá tamén un xantar con cocido limiao para as persoas asistentes que desexen participar