lunes. 13.07.2026

A Deputación de Ourense presentou unha nova edición do "Circuíto Provincial de Cine de Verán", un programa que levará sesións de cine ao aire libre a 30 concellos da provincia durante os meses estivais co obxectivo de achegar a cultura audiovisual ao rural e descentralizar a oferta cultural.

A presentación celebrouse no Pazo Provincial coa participación do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, en representación da Xunta de Galicia, que colabora nesta iniciativa incluída no Plan Director do Xacobeo; e do promotor de Cine na rúaXoan Mariño.

Rosendo Fernández asegurou que esta proposta reafirma "o noso compromiso co rural ourensán levando o mellor do noso cinema directamente ás prazas dos nosos pobos".

Pola súa banda, Xoan Mariño destacou que se trata de "máis ca un proxecto cultural", xa que permite levar o cinema a localidades onde esta actividade non é habitual. Ademais, sinalou que nalgunhas sesións mesmo atoparon "algún veciño que nunca fora ao cine".

Durante a presentación, Xosé Merelles puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia nesta iniciativa integrada no Plan Director do Xacobeo, subliñando tamén o seu impacto turístico. Neste sentido, indicou que Ourense é a provincia que máis medra en visitantes, con 132.000 persoas rexistradas nos seis primeiros meses do ano, o que supón un incremento do 8 % respecto ao mesmo período do ano anterior.

O programa está orientado especialmente aos concellos que carecen de infraestruturas estables para este tipo de actividades, co propósito de garantir o acceso á cultura audiovisual, dinamizar o rural durante o verán, promover o cinema galego e as producións ourensás, favorecer a cohesión social e complementar a oferta turística da provincia.

Coa colaboración de Gadis e da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, a carteleira inclúe nove películas, con especial protagonismo das producións galegas. Entre elas figuran RondallasLeo & Lou e Antes de Nós, entre outras obras rodadas en Galicia ou patrocinadas pola propia institución provincial.

Nesta edición participarán os concellos de Sarreaus, Castrelo de Miño, Rubiá, Xunqueira de Espadanedo, Vilamartín de Valdeorras, Maside, Avión, Cualedro, Trasmiras, Verea, Esgos, A Teixeira, A Peroxa, Vilardevós, Ribadavia, A Pobra de Trives, Verín, Taboadela, Vilar de Barrio, Piñor, Maceda, Bande, Boborás, O Carballiño, Vilar de Santos, Larouco, Melón, Carballeda de Avia, Baños de Molgas e Lobeira.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense busca seguir impulsando a produción cinematográfica propia, espallar a cultura por todo o territorio e ofrecer alternativas de lecer durante a tempada estival tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

A Deputación levará o cinema ás rúas de Vilar de Santos e Sarreaus | NOTICIAS XINZO