sábado. 20.04.2024

A Alcaldía de Vilar de Santos declarou este martes día 11 xaneiro, día de loito oficial, "como testemuño da dor dos veciños e veciñas do Concello de Vilar de Santos, e dun xeito moi especial da Parroquia de Parada, polo falecemento de D. Miguel Fernández Grande (cura desta parroquia desde agosto de 1969 ata febreiro de 2018 e Fillo Adoptivo deste Concello)", segundo indica nun comunicado oficial.

"Este obrigado recoñecemento á figura de Don Miguel, pretendemos que sexa unha forma de contribuír, desde a tolerancia e o respecto, á construción dunha sociedade máis xusta, máis aberta e máis solidaria. Don Miguel, sempre estivo a carón dos máis humildes fronte a calquera tipo de inxustiza e discriminación, nunca deixou de estar coa xente maior, cos enfermos, cos que precisaban máis axuda e fixo entrar nas nosas conciencias outros temas e realidades de calquera parte do mundo", lembra a declaración do Concello de Vilar de Santos.

Miguel Fernández Grande, que tiña 86 anos, chegou a Vilar de Santos como párroco de Parada de Outeiro un 31 de agosto de 1969. Corenta anos despois, na mesma data do 2009, recibía unha homenaxe da veciñanza e o alcalde, Xan Jardón, informaba da distinción como Fillo Adoptivo que se lle ía conceder. Nos anos sucesivos recibiría novas homenaxes como impulsor de iniciativas culturais, sociais e lúdicas, e como defensor da lingua galega que empregou nos actos litúrxicos incluso en épocas nas que non era tan doado facelo.

"D.Miguel foi unha arela de esperanza, de confianza no futuro", conclúe a declaración do Concello na que se mostran as condolencias coa familia. Por causa da covid-19, os funerais aprázanse, segundo informou o Bispado.

Loito oficial este martes en Vilar de Santos polo pasamento de Miguel Fernández Grande