martes. 19.05.2026

A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego de Vilar de Santos, celebrada o martes 28 pola tarde, acordou por unanimidade propoñer a Marcos Nogueiras Rodríguez, de 41 anos, como novo alcalde do concello.

 

Nogueiras, que actualmente exerce como tenente de alcalde e responsable comarcal do BNG Arnoia-A Limia, é enxeñeiro industrial, posúe dous másteres e lidera unha explotación agraria no propio municipio.

 

O futuro rexedor agradeceu a confianza da organización e afirmou que afronta esta etapa "con moita ilusión, responsabilidade e compromiso co proxecto colectivo do BNG, que demostrou ser útil para mellorar a vida da nosa xente e consolidar un modelo de concello sostible, participativo e vivo".

 

"Imos continuar o traballo destes anos, profundando nas políticas en defensa do noso rural, dos servizos públicos e da igualdade, sempre con diálogo coa veciñanza e mirando cara o futuro de Vilar de Santos", engadiu Nogueiras.

 

Desde o BNG de Vilar de Santos destacouse o consenso e a unidade coa que se adoptou esta decisión, como mostra da fortaleza do proxecto nacionalista no concello.

Marcos Nogueiras será o novo alcalde de Vilar de Santos