Medio Rural e Vilar de Santos avalían melloras en camiños e un novo proxecto de regadío | NOTICIAS XINZO
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, co obxectivo de avaliar novas vías de colaboración institucional en materia de desenvolvemento rural. A reunión estivo centrada especificamente no ámbito da mobilidade de terras e na mellora das infraestruturas viarias agrícolas do municipio.
No transcurso da xuntanza destacouse que, dende o ano 2020, o municipio recibiu algo máis de 160.000 euros a través das distintas convocatorias do plan marco de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas, denominado actualmente Plan Camiña Rural. Estas achegas económicas teñen como finalidade a ampliación, acondicionamento e conservación da rede de camiños de titularidade municipal para incidir na calidade de vida da poboación do rural.
Do mesmo xeito, os mandatarios analizaron a situación actual da zona de reestruturación parcelaria activa de Guillamil-Sabariz. Este proceso abrangue unha superficie de máis de 1.300 hectáreas e conlevou a execución de obras de mellora na rede de camiños secundarios cun investimento que ascende a 1,6 millóns de euros.
Finalmente, na axenda de traballo abordouse a posibilidade de desenvolver un proxecto de regadío para a zona, unha iniciativa que se pretende impulsar a nivel local. A titular de Medio Rural trasladou ao rexedor a súa vontade de remitir dita petición formal ao Goberno central para o seu estudo.