lunes. 07.10.2024

O Bloque deixou ver hoxe en Vilar de Santos a dinámica que vén mostrando no resto da comarca nas últimas semanas onde presentará lista en practicamente tódolos concellos.

En Vilar de Santos, o proxecto liderado por Antonio Míguez Nogueiras foi quen de encher o salón de actos local de veciños e veciñas. Inaugurou a presentación o número dous da lista, Rubén Colmenero "Pisto", coñecido dinamizador do pobo ligado ó deporte e a presentación da candidatura correu a cargo de Aldo William F. Jardón, con 20 anos de traxectoria no goberno local, quen foi presentando ás 17 persoas que conforman un equipo "de tódalas idades para visualizar o futuro de Vilar de Santos" en palabras do actual alcalde e candidato nacionalista, Antonio Míguez “Morete”.

Antonio Míguez, na presentación da súa candidatura, a primeira que encabeza.
Antonio Míguez, na presentación da súa candidatura, a primeira que encabeza.

O rexedor animou ó seu equipo a asumir responsabilidades e dar un paso adiante para cambiar, aínda que levemente, o xeito de funcionar no día a día: "Este non vai ser un concello do alcalde, vai ser do grupo de Goberno, que é o importante”. Malia non querer avanzar as ideas do seu programa, reivindicou o éxito dun modelo que “naceu fai corenta anos dende o galeguismo e a esquerda e sigue sendo o mesmo, agora regresando ó principio coas mesmas siglas”.

Entre a xente que apoia a candidatura atópanse persoas cunha traxectoria política contrastada como Rafael Quintas ou Begoña Francisco e outras que debutan para aportar formación e enerxía, como é o caso do enxeñeiro e empresario Manuel Antonio Fernández Nogueiras; o sanitario Juan Luís Domínguez, a historiadora Sara ou a educadora social Raquel Coello. Mantense no equipo a Marosi Saburido e Marcos Nogueiras, responsable da organización do Bng local, tamén fai parte da lista.

NOTICIAS A LIMIA | O BNG persegue manter a hexemonía en Vilar de Santos con 7 concelleiros