sábado. 05.10.2024

O escultor galego, Toño Monteiro, -natural de Lobios- acaba de doar ao Museo da Limia unha obra creada especialmente para conmemorar o centenario do nacemento do poeta limián, Antón Tovar.

A peza de arte foi incorporada onte á exposición do museo de Vilar de Santos, na que permanecerá sempre no mesmo lugar ata o fin da exhibición. Un dos obxectivos base da mostra homenaxe a Tovar era ir engadindo paulatinamente novos elementos vinculados a súa persoa -sendo a maioría aportacións de artistas plásticos da contorna- .

A obra recibe o nome de "Memoria" e está esculpida completamente en ferro. Contén un boceto da cara de Tovar, situada enriba da sinatura do poeta. Ao pé de ambos elementos aparecen os títulos de varios dos seus poemas, dotando á creación dun simbolismo que fai referencia á memoria das palabras - as cales conteñen o pasado e o presente do que xa forma parte Antón Tovar- .

Cabe recordar que a exposición estará aberta ao público os sábados e domingos de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30. Para a próxima fin de semana voltarase a incluír unha nova obra na mosta. Polo momento, a homenaxe ao poeta limá contén ilustracións de Arturo Baltar e creacións plásticas de Xosé Lois Carrera, Victoria Taboada e Manuel Traveso.

NOTICIAS A LIMIA | O escultor Toño Monteiro doa unha obra conmemorativa de Antón Tovar