viernes. 19.04.2024

O Museo Etnográfico da Limia, situado no Concello de Vilar de Santos, acaba de anunciar a volta das sesións de parola do programa Á Conversa na Taberna, tras estar meses limitados por mor da crise pandémica. Este sábado día 16 -ás 16:30 horas- , a xuntanza adicarase á figura do poeta limiá, Antón Tovar, do cal o museo está a conmemorar o seu centenario de nacemento.

As xornadas comezaran polo ano 2017, inspiradas nos coñecidos Cafés da Memoria do Museo do Pobo Galego. O obxectivo en Vilar de Santos era poder adaptar esas reunións a temas de interese xeral para os veciños da Limia, e así o fixeron. Na primeira das sesións tratárase a loita ambiental na comarca, ao que se lle uniron despois unha gran variedade de cuestións que teñen coma fin crear un debate entre os invitados especiais e o público asistente.

A conversa deste sábado terá coma asistentes ao presidente do padroado do museo, Delfín Caseiro Nogueiras, ao poeta, ensaísta e sociolingüísta, Xesús Alonso Montero e o escritor Xosé Lois Montero. A sesión estará amenizada pola actuación musical de Anxo Rei. Na xuntanza homenaxearase á figura de Antón Tovar, falarase da súa persoa, traxectoria e da súa obra. Ao mesmo tempo, tamén se tratarán temas máis xerais relacionados coa literatura e poesía galegas, as figuras representativas da mesma, e os autores destacados da terra da Limia.

A conversa terá lugar no patio exterior do Museo Etnográfico por motivos derivados da pandemia. A entrada será libre ata completar aforo e deberase cumprir coa normativa hixiénica correspondente.

NOTICIAS A LIMIA | O Museo Etnográfico da Limia retoma as sesións de Á Conversa na Taberna