sábado. 27.07.2024

O alcalde de Vilar de Santos, Antonio Míguez; xunto co delegado da Xunta, Gabriel Alén, o tenente de alcalde de Allariz, Bernardo Varela; e a deputada provincial Luz Doporto; visitou este xoves as instalacións do campo de de voluntariado "Sapere Aude" da Xunta. Este campamento levarase a cabo entre a localidade limiá e a alaricana do 6 ao 17 de agosto e o prazo de solicitude de praza está aberto dende o 18 de abril para persoas de 18 a 30 anos. O 2 de maio será o último día para pedir praza.

"Sapere Aude", que é de carácter arqueolóxico e medioambiental, incorpórase este ano á Campaña de Verán do programa de campamento da Xunta. Baixo o lema "O verán que sempre vas lembrar", a provincia oferta 1.425 prazas repartidas entre campamentos, campos de voluntariado e outras actividades.

As bases que regulan a oferta de prazas nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web de Xuventude. As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.

A programación estival complétase coa proposta ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos galegos, que se dará a coñecer en vindeiras datas.

Campamentos para persoas con discapacidade

A Xunta tamén ten aberto o prazo para a inscrición nos campamentos de verán destinados ás persoas con discapacidade. Ofértanse 250 prazas nun total de 14 quendas en tres emprazamentos diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío, e nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño.

As persoas con discapacidade, cunha idade comprendida entre os 11 e os 50 anos e presentan calquera tipo de limitación ou necesidade especial, poden presentar solicitude para un destes campamentos. O prazo está aberto ata o día 2 de maio. Contan con aloxamento, manutención, un programa de actividades de animación sociocultural, material necesario para as actividades, equipo técnico de persoal especializado e atención sanitaria.

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Santos únese aos campos de voluntariado da Xunta