domingo. 28.04.2024

O programa europeo Equal Rural, co que se quere poñer en valor o papel da muller no sector agrícola, contará con varias actividades na comarca. A Reserva da Biosfera de Allariz e o GDR Limia-Arnoia están detrás destas actividades que se desenvolverán dende este domingo, e durante o mes de outubro, en varios concellos.

A primeira parada na comarca será o día 30 de outubro, cun obradoiro para as crianzas chamado "Medrando co pan". Terá lugar de 10:00 a 14:00 horas no Mosqueiro, en Vilar de Santos. A cativada terá a oportunidade de coñecer o proceso de facer pan e ata poderán amasar algunhas pezas para poder degustalas. Para participar nesta actividade, impartida pola panadeira Carmen Quintas, fai falta unha incrición previa no 664 52 44 86.

Tamén esa mesma xornada, haberá o faladoiro "As abellas. Coidados de outono. Pasado, presente e futuro da apicultura" no local da Saínza en Rairiz de Veiga. Neste caso, o horario será de 17:00 a 19:00 horas. Esta charla contará coa participación de Estefanía Vázquez, veterinaria da Asociación Abellas Nais; M. Paz Hernández, apicultora e enxeñeira técnica agrícola; e Merche Alonso, de Mel Casa Merche.

A última parada na comarca é a do 22 de outubro en Vilar de Santos. Organizarase unha actividade enmarcada na X Feira da Artesanía e Produto Local da localidade e leva por nome "Pasado, presente e futuro do liño". O horario é de 17:00 a 19:00 horas no Museo da Limia, onde estarán presentes Mercedes Veites, de Artesana Lumecú; a Asociación de Mulleres Rurais A Arracada e Pal.lium.

O resto de actividades de Equal Rural celebraranse especialmente en Allariz, cunha parada na Bola para poñerlle punto e final ao mes de outubro.

NOTICIAS A LIMIA | O programa Equal Rural terá actividades en Vilar de Santos e Rairiz...