miércoles. 24.06.2026

A portavoz do Partido Popular en Vilar de Santos, Mónica Quintas, critica a situación de ingobernabilidade e inestabilidade política que vive o Concello, que no que vai de mandato xa tivo tres alcaldes do BNG, vén de aprobar as contas do exercicio de 2024 e carece de orzamentos actualizados desde 2022.

 

“O que está a ocorrer desde xullo de 2023 é algo moi difícil de entender”, advirte Mónica Quintas, “pois estamos a falar de tres alcaldes do mesmo partido (BNG)”. Unha situación que cualifica de estraña, xa que está a afectar ao desenvolvemento de proxectos, servizos e programas municipais.

 

A edil do PP denuncia tamén que ás continuas crises de goberno se suma a renuncia de tres concelleiros do BNG, decisións xustificadas en todos os casos por motivos persoais, “cando a realidade é que existen problemas internos que están a dificultar unha xestión municipal estable e eficaz”. A isto engádese a renuncia da seguinte persoa da lista do BNG, que debería asumir a acta deixada pola concelleira nacionalista Raquel Coello, quen presentou a súa dimisión este pasado venres no pleno da Corporación.

 

Esta sucesión de cambios en postos clave como a alcaldía e no propio grupo de goberno, “teñen consecuencias directas no deficiente funcionamento do Concello”, lamenta Mónica Quintas, quen considera fundamental que “a veciñanza de Vilar de Santos coñeza a realidade do que está a acontecer co goberno nacionalista”.

 

A portavoz popular alerta tamén da preocupante situación económica municipal, derivada dunha “evidente falta de planificación por parte do BNG”. Neste mes de xaneiro estanse a aprobar as contas correspondentes ao exercicio de 2024, “que reflicten un déficit próximo aos 205.000 euros, o que dá conta dunha xestión económica deficiente”.

 

O Concello continúa ademais a funcionar sen orzamentos actualizados desde 2022, recorrendo á prórroga dos existentes, “nunha práctica que limita a capacidade de planificación e actuación do goberno local”. A falta de orzamentos, o atraso na aprobación das contas e o resultado negativo do exercicio de 2024 “teñen un impacto directo na estabilidade financeira municipal e na correcta prestación dos servizos públicos”.

 

Fronte a esta situación, Mónica Quintas contrapón o apoio financeiro da Deputación de Ourense, que ao remate do actual mandato terá destinado a Vilar de Santos 888.000 euros a través do Plan de CooperOU e doutras axudas aprobadas para distintas iniciativas municipais.

O PP de Vilar de Santos denuncia a inestabilidade política e a grave situación...