O Vilar de Santos representará a Ourense no Torneo de Fútbol Internacional de Ribadeo | NOTICIAS XINZO
A Asociación Cultural e Deportiva Vilar de Santos disputará por terceiro ano consecutivo o Torneo Internacional de Ribadeo, unha das competicións de veteranos máis recoñecidas do norte peninsular.
O conxunto limiao quedou encadrado no mesmo grupo que o CF Jaráiz de Cáceres, o leonés Fútbol La Bañeza e o equipo mexicano Nuevo León, campión da edición de 2024 e que chega á cita dende a capital azteca.
O equipo da Limia reforzou o seu plantel con xogadores procedentes do Piñeira Seca FC, do EDC Xinzo Veteranos e do Antela FC, co obxectivo de representar á provincia de Ourense como o único conxunto ourensán presente nesta edición do torneo.
O presidente e adestrador do equipo, Pablo de Currás, amosouse confiado nas posibilidades dos seus xogadores e asegurou que o grupo afronta a competición “sen presión” e coa intención de “desfrutar do fútbol bonito” que, segundo explicou, lles permitiu lograr a permanencia esta tempada na Primeira División de veteranos.
A expedición partirá da estación de autobuses o venres 22 e permanecerá concentrada durante a fin de semana en Tapia de Casariego, en Asturias, onde estará aloxado o equipo ata o regreso previsto para o domingo 24.
O técnico tamén puxo en valor a unión do grupo e definiu a experiencia como “máis unha viaxe dunha familia ca dun equipo de fútbol”. Pablo de Currás non poderá acompañar á expedición por motivos de saúde, aínda que asegurou sentirse presente durante toda a competición, do mesmo xeito que ao longo da tempada.