Iniciativa social no fútbol comarcal

As asociacións deportivas da Limia terán entrada gratuíta no Antela FC-CD Moaña | NOTICIAS XINZO

Un dos encontros desta tempada na Moreira. | FOTO: Noelia Caseiro.

Antela FC impulsou unha iniciativa dirixida ao tecido deportivo da comarca coa invitación a 14 asociacións deportivas da Limia para asistir ao encontro que disputará este domingo 26 de abril ás 17.15 horas fronte ao CD Moaña no Estadio A Moreira, en Xinzo de Limia.

O partido corresponde á xornada 31 da Preferente Galicia Grupo 2º Sur, nun tramo decisivo da competición. A entidade busca favorecer a presenza de clubs e colectivos deportivos da zona nas bancadas e reforzar a relación entre diferentes disciplinas deportivas do municipio e da comarca.

Cartel difundido polo Antela FC coa invitación ás asociacións deportivas da Limia.

Segundo a información difundida, os deportistas e familiares das asociacións convidadas poderán acceder de balde ao encontro, previa remisión dunha listaxe de asistentes. Para confirmar presenza, o club facilitou o número 658 468 159.

As asociacións deportivas convidadas son AD Vilar de Santos Veteráns, EDC Xinzo, Piñeira Seca, Vilar de Barrio, Boado Veteranos, Xinzo da Limia Veteranos, Calvos de Randín Veteranos, AB Xinzo, AD Limiactiva, Xadrez Lethes, BTT Nocelo, Nugallaos, CCAntelano, P Tinto Futsal e Xinzo Feminino.

Con esta acción, o Antela FC promove unha xornada de convivencia arredor do deporte comarcal e busca reunir no estadio representantes de distintas modalidades como fútbol, baloncesto, ciclismo, xadrez, fútbol sala ou deporte feminino.