O BNG de Xinzo critica a "improvisación" do Goberno no balance do Entroido | NOTICIAS XINZO
O BNG de Xinzo de Limia realizou unha análise detallada do último ciclo do Entroido, sinalando que a xestión municipal estivo marcada pola improvisación e unha falta de transparencia económica. O voceiro municipal, Camilo Vila, acompañado polo vicevoceiro Manuel Pozo e a responsable local Mirian Opazo, lamentou que, transcorridas tres semanas desde o remate da festa, o Concello aínda non teña facilitado ningún balance oficial nin xeral nin económico da celebración máis importante da comarca.
A formación nacionalista destacou como aspectos positivos aqueles eventos onde o tecido asociativo e a veciñanza tiveron un papel directo, como o Colgamento do Meco, o Domingo Oleiro ou o Desfile Infantil, ademais da organización da festa de piñata. Segundo o voceiro nacionalista, o éxito destas citas demostra que o Entroido auténtico o fai a xente e non a institución. Porén, no apartado de críticas, o BNG puxo o foco na irresponsabilidade de certas decisións loxísticas, citando a celebración do Petardazo nun emprazamento alternativo sen as medidas de seguridade orixinais ou a ausencia de control efectivo sobre a chegada masiva de autobuses e a práctica do botellón.
Outro dos puntos críticos da valoración nacionalista foi a situación do Museo Galego do Entroido, que segundo denuncian permaneceu pechado durante gran parte do ciclo festivo. Respecto ao gran desfile de martes, o grupo sinalou a falta de planificación previa para evitar o estacionamento de vehículos no itinerario alternativo. Finalmente, Camilo Vilaapelou á necesidade de recuperar a comisión veciñal para devolver o protagonismo á sociedade civil, deixando nas mans do Goberno municipal exclusivamente as tarefas loxísticas e de seguridade, ao tempo que esixiu un balance real do retorno económico que xera o evento no municipio.