O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que, a partir de mañá 27 de marzo, abre o prazo de adhesión dos establecementos para a iniciativa dos bonos Activa Comercio. Este sistema permitirá aos negocios sumarse unha única vez para as diferentes edicións previstas durante o presente ano, avanzando na liña de simplificación administrativa que impulsa o Executivo autonómico.
O obxectivo prioritario é seguir incentivando a demanda comercial e axudando economicamente á veciñanza, ao tempo que se fomentan as compras no comercio polo miúdo.
O Goberno galego destinará este ano un crédito inicial de 5 millóns de euros a esta campaña, buscando revalidar o éxito dunha iniciativa que no 2025 mobilizou máis de 22,3 millóns de euros a través de case 400.000 compras. Estas cifras acadáronse grazas á participación de máis de 7.400 establecementos adheridos en toda Galicia.
A apertura do prazo para os profesionais é o paso previo indispensable antes da activación para os usuarios, cuxos prazos se establecerán nas correspondentes ordes de cada convocatoria, estando dispoñibles os bonos en formato dixital a través da web oficial do programa.
Esta medida consolídase dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado para impulsar os máis de 32.000 establecementos que dan emprego a preto de 107.000 persoas.
Xunto aos bonos, a administración autonómica mantén outras liñas de apoio de case 4 millóns de euros para a dixitalización, modernización e eficiencia do sector. Ademais, inclúense accións orientadas á remuda xeracional e á conexión coa mocidade, como a campaña Localízate, ou o fomento da artesanía con axudas para a formación de novos aprendices en oficios tradicionais.
