Os participantes visitaron a Unidade de Atención Psicolóxica da USC

Expertos de toda España analizan en Santiago programas innovadores de atención á saúde mental | NOTICIAS OURENSE

Expertos de toda España participaron na III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental celebrada en Santiago.

Galicia destacou o seu traballo en atención á saúde mental da xuventude no marco da III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental, de alcance estatal, celebrada este luns e martes en Santiago de Compostela. O encontro, organizado pola Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, reuniu a expertos de todas as comunidades autónomas, que intercambiaron experiencias innovadoras, programas e intervencións de saúde mental no ámbito sanitario.

A xornada do martes comezou coa visita á Unidade de Atención Psicolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de coñecer de primeira man a colaboración entre o Sergas e as universidades galegas, que establece un protocolo común de acompañamento psicolóxico ao estudantado universitario. Con esta iniciativa búscase reforzar a prevención, a detección temperá, a continuidade asistencial e a coordinación entre os servizos universitarios e o sistema sanitario público. Este colectivo é considerado prioritario no novo Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que se presentará en breve.

Os participantes tamén coñeceron a Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia (USMIA) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, onde recentemente se completou unha actuación de humanización e mellora dos espazos e do mobiliario, orientada a crear un ambiente máis acolledor, funcional e adaptado ás necesidades dos nenos, adolescentes e as súas familias.

A xornada finalizou cunha visita á Fundación Pública de Medicina Xenómica, onde se está a desenvolver un proxecto innovador que permite integrar a información xenética dos pacientes na selección e axuste dos tratamentos psicofarmacolóxicos, co obxectivo de favorecer unha medicina máis personalizada. O seu potencial radica en optimizar a resposta terapéutica, reducir o tempo necesario para atopar o tratamento máis axeitado e incrementar a seguridade, diminuíndo o risco de efectos adversos.

A III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental busca reforzar un modelo de atención cun enfoque preventivo, máis accesiblecomunitario e centrado nas persoas, promovendo a innovación e a colaboración entre servizos públicos de todo o territorio nacional.

A prevención en materia de saúde mental cobra especial relevancia nunha provincia como Ourense, onde as condutas autolíticas seguen a ser motivo de fonda preocupación social, cun exemplo recente nas últimas horas. Reforzar os recursos de detección temperá e acompañamento psicolóxico, especialmente entre a poboación máis nova, é hoxe unha das principais liñas de traballo tanto para o Sergas como para as administracións locais, conscientes de que actuar antes de que a situación se agrave pode marcar a diferenza.

Se ti ou alguén do teu contorno está a atravesar unha situación difícil, podes chamar ao 024, a liña de atención á conduta suicida, dispoñible as 24 horas.