Convidada polo Concello de Xinzo, unha técnica do Instituto Galego de Consumo ofreceu esta tarde unha charla no salón de plenos. E fixo o esforzo de informar e intentar explicar algo que non ten unha explicación sinxela: Por que xa non se entende a factura da luz?
Aclarou algúns termos que adoitan aparecer nas discusións cotiás (mercado libre, mercado regulado, prezo indexado, bono social...) e renunciou a intentar esclarecer outros (pool enerxético, facturación estimada...).
O público viña con facturas, como se viñese reclamar por unha multa de tráfico. Querían saber que delito cometeron e como se defender.
A técnico deu algunhas indicacións para ler a factura. E explicou como hai prezos segundo a hora do día, pero que non teñen porque ser iguais á mesma hora do día seguinte. E falou de como a suma deses prezos, o que se consume cada hora, se multiplica pola media mensual do custe da enerxía. Ao que despois se lle engaden as peaxes (o que custa a rede de transporte) e outros cargos. E aínda están as taxas. E de todo iso sae o prezo que se imprime na factura e se paga.
Dixo ademais que non sempre é máis barato poñer a lavadora pola noite. E que para estar seguros de que se está aforrando hai que consultar unha web que indica o prezo a cada hora. E que ese é o único método para saber se as contas que imprimen na factura son leais. É dicir, que habería que estar mirando cada hora esa web, e anotando o prezo e tamén o prezo que leva a media do mes nese intre (esa hora). “Entendo que é inviábel”, confesou diante dun auditorio de xente maior.
Tamén deixou caer que o mercado regulado xa non ten porque ser o máis barato (se non contas co desconto do bono social), pero logo dixo que as mesmas compañías que compiten no mercado libre, están volvendo levar á xente cara o mercado regulado (porque gañan máis). E tamén asegurou que no mercado regulado os prezos son máis volátiles e que o atractivo do mercado libre é que os prezos son estábeis. O que non se entende moi é porque ao volátil se lle segue chamando regulado...
Un matrimonio de anciáns queixouse de que unha gran compañía os “enganou” vía telefónica e que agora están consumindo menos (para non pagar máis) e pagando máis (malia consumir menos). O consello foi que acudan á Oficina de Información ao Consumidor.
En Xinzo hai unha, afortunadamente. E unha das asistentes indicoulles que está na Casa da Cultura.