Xoves. 28.03.2024

“Paréceme que é o sentir de calquera persoa de Xinzo que quere vivir nun entorno saudábel e agradábel, como teñen outras vilas, e nós temos o mesmo dereito... Polo tanto eu penso que 'malnacidos' ou 'túzaros' son palabras que lles quedan moi curtas. Poderiamos empregar palabras moito máis duras”, manifestou a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (PSOE), esta mañá ao Diario do Limia, durante a celebración da carreira popular.


Interpelada polas expresións que verteu no seu perfil persoal en Facebook, no que cualificou de “malnacidos” (nun post esta mañá de domingo) e de “túzaros” (nun segundo post tamén pola mañá), Elvira Lamas mantivo os adxectivos para referirse a persoas que, segundo interpreta, “utilizan o que é de todos para o seu divertimento”, e que “seguramente despois van a 20 quilómetros, a outras vilas, e pagan por entrar a uns xardíns marabillosos e dos que se pode gozar previo pago”.


Xinzo amañeceu este domingo de deporte na rúa despois dunha madrugada longa, coa celebración por parte dos afeccionados do Real Madrid do título europeo, e a festa entroideira que animou a última fin de semana de maio. No parque do Pombal, onde o obradoiro de emprego do Concello de Xinzo realizara hai uns meses unha intervención para mellorar o espazo axardinado, actos vandálicos estragaron algunhas plantas.


A alcaldesa escribiu no seu muro de Facebook: “Segue habendo desgraciad@s que só 'disfrutan' 'destrozando' o traballo doutras persoas. (...) Son unhos 'malnacidos', os que espero que pronto sexan identificad@s”. 


A alcaldesa avanzou que “tristemente teremos que poñer en marcha medidas de vídeo-vixilancia”. 


Minutos despois, Elvira Lama publicou outro post con fotografías dos danos no adro da Igrexa de Santa Mariña, e informaba: “E por se non lles chegaba o parque do Pombal, os túzaros 'destrozaron' tamén as da entrada da Igrexa Vella”.


Preguntada por unha valoración dos danos, Lama dixo que ese informe está pendente, mais engadiu que “seguramente superen os 600 euros”. E matizou: “Non se trata só do dano económico. É o valor emocional e sentimental, e o valor destas zonas públicas saudábeis e agradábeis que todas queremos gozar como veciños e veciñas”


A alcaldesa explicou que foron os encargados da limpeza quen puxeron en coñecemento da Policía Local os estragos, e avanzou que “tristemente teremos que poñer en marcha medidas de vídeo-vixilancia" para "coller coas mans na masa a estas persoas que se adican a danar o mobiliario urbano".

Pouco despois das 15:00 horas, o Concello de Xinzo de Limia publicou un post en Facebook no que pide: "colaboración para identificar ás persoas que causaron danos nas plantas ornamentais emprazadas en tres puntos do municipio: O Pombal, as inmediacións da Igrexa Vella e a Praza Santa Mariña."

Post este domingo na conta persoal de Elvira Lama
Post este domingo na conta persoal de Elvira Lama

NOTICIAS A LIMIA | “Túzaros ou 'malnacidos' son palabras que se quedan curtas”, sostén...