miércoles. 21.05.2025

O vindeiro sábado 31 de maio, a vila de Xinzo de Limia acollerá unha das recreacións históricas máis singulares do calendario galego: as Vestalias, organizadas pola A.C. Civitas Limicorum co apoio do Concello de Xinzo de Limia, que celebra este ano a súa II Concentración Nacional de Vestais. A cita contará coa participación de vestais procedentes de Emerita Augusta (actual Mérida), Asturica Augusta (hoxe Astorga) e tamén das vestais da propia Civitas Limicorum, nun reencontro simbólico de territorios que compartiron historia no mundo romano e que hoxe volven unirse arredor do lume sagrado da deusa Vesta.

As Vestalias forman parte do ciclo de actividades previas ao 25º aniversario da Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto de 2025. A proposta nace do traballo constante do tecido asociativo da vila e conta co apoio decidido do Concello de Xinzo de Limia, que aposta por dar espazo a proxectos culturais nacidos desde abaixo, comprometidos co territorio e coa participación activa da veciñanza.

As Vestalias eran unha das festas máis importantes da Roma antiga, dedicadas á deusa do fogar e do estado. Durante estes días, as vestais —mulleres consagradas ao servizo da deusa— abrían por única vez ao ano o templo de Vesta para que as demais mulleres de Roma puidesen facer as súas ofrendas. Custodiaban o lume sagrado, símbolo da continuidade e da protección da comunidade. Eran figuras de enorme prestixio e autoridade moral, e exercían un poder pouco habitual para o seu tempo, nunha sociedade profundamente patriarcal.

20250531 II Concentración Nacional de Vestais
A festa histórica na honra ás Vestais terá lugar o sábado.

 

Programa

A través desta recreación, a A.C. Civitas Limicorum non só busca divulgar este legado histórico, senón tamén poñer en valor a forza das mulleres como axentes de cohesión social, líderes espirituais e transmisoras de memoria, establecendo unha ponte entre a antigüidade clásica e os valores contemporáneos da igualdade, o respecto e o empoderamento feminino.

O programa dará comezo ás 20:30 horas cun desfile polas rúas de Xinzo, seguido da representación teatral “Vesta é a Lei”, que recrea un episodio simbólico onde a palabra da Vestal Máxima prevalece incluso sobre o poder militar. A continuación terá lugar o espectáculo “O lume que nos une", seguido da emotiva Danza do Lume Sagrado, interpretada polas vestais emeritenses. Un dos momentos máis agardados será o lanzamento de faroliños, como ofrenda simbólica á memoria das que xa non están e á continuidade das nosas raíces compartidas. O evento culminará cun desfile final nocturno.

A actividade desenvolverase na Praza Maior de Xinzo de Limia, que se converterá nun espazo simbólico e escenográfico para acoller o templo, as vestais, o público e todas as accións da programación. O desfile inaugural, que dará comezo ás 20:30 horas, partirá desde o Museo Galego do Entroido e percorrerá a Rúa 2 de Maio, a Avenida de Madrid, a Avenida de Ourense, a contorna da estación de autobuses e a zona dos viños, ata desembocar na praza principal da vila, onde se celebrará o resto do evento.

As Vestalias regresan a Xinzo: unha noite de lume, memoria e poder feminino