A Deputación de Ourense aprobou a Instrución 1/2026 da Área de Infraestruturas, establecendo por primeira vez unha metodoloxía técnica normalizada para a identificación dos Treitos de Concentración de Atropelos de Animais (TCAAs) na rede de estradas provinciais. Esta iniciativa procura dar resposta á elevada accidentalidade protagonizada pola fauna silvestre, que rexistrou un total de 1.377 accidentes entre os anos 2021 e 2025. O xabarín e o corzo concentran entre o 89% e o 94% destes sinistros anuais, mantendo unha cifra estable de arredor de 300 impactos por cada exercicio na última década.
A aplicación deste novo procedemento técnico permitiu localizar 16 treitos de risco que suman unha lonxitude de 26,21 quilómetros vixiados. Entre os puntos con maior índice de perigo destacan a estrada OU-0524, cun Índice Puntual de Accidentes (IPA) de 2,53, seguida da OU-0502 e a OU-0203. Nestas vías, a frecuencia de sinistros superou os 10 accidentes por quilómetro no período analizado, o que obriga á administración provincial a intervir de xeito inmediato para protexer ás persoas usuarias.
A sinalización viaria nestes treitos críticos será reforzada conforme ao Regulamento Xeral de Circulación. Instalaranse sinais de perigo P-24 ("Paso de animais en liberdade") en ambos os dous sentidos de circulación, acompañados de focos destelleantes alimentados por placa solar ou batería. Ademais, incluiranse paneis complementarios coa lonxitude do treito e novas limitacións de velocidade adaptadas á vía. Esta planificación técnica terá unha actualización anual baseada nos datos da Dirección Xeral de Tráfico, permitindo que a seguridade viaria no rural ourensán evolucione segundo o comportamento e movemento da fauna silvestre no territorio.
