miércoles. 10.06.2026

presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este martes na presentación do Circuíto Basket 3x3 Deputación de Ourense, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) que levará o baloncesto en formato 3x3 a seis concellos da provincia durante os meses de agosto e setembro.

O proxecto forma parte do Programa de Fomento Deportivo 2026 da Deputación e nace co obxectivo de fomentar a práctica deportiva, promover hábitos de vida saudables e achegar o baloncesto a toda a cidadanía a través dun formato dinámico e accesible. Menor destacou durante o acto que a iniciativa responde á aposta da institución provincial por un deporte "próximo, integrador e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia".

O calendario de sedes é o seguinte: Muíños (16 de agosto), Ribadavia (21 de agosto), O Carballiño (22 de agosto), Xinzo de Limia (29 de agosto), Allariz (30 de agosto) e O Barco de Valdeorras (5 de setembro). Cada xornada incluirá, ademais da competición, unha programación de animación e actividades complementarias.

A competición está aberta tanto a xogadores federados como non federados e contará con categorías de preminibasket e minibasket, infantil e cadete, e júnior e sénior, podendo participar equipos masculinos, femininos ou mixtos. Os dous equipos finalistas de cada categoría en cada sede clasificaranse para a gran final provincial, que terá lugar o 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

Luis Menor agradeceu a colaboración da FEGABA e dos concellos participantes, confiando en que esta primeira edición "se converta nun éxito e sente as bases dunha cita chamada a consolidarse no calendario deportivo provincial nos vindeiros anos".

Xinzo de Limia, entre as sedes do novo Circuíto Basket 3x3 da Deputación | NOTICIAS...