A medida entra en vigor este venres

A Xunta declara a emerxencia cinexética temporal por xabaril en toda Galicia ata xullo de 2027 | NOTICIAS XINZO

A Xunta de Galicia declarou a emerxencia cinexética temporal en todo o territorio da comunidade autónoma ante a presenza e os danos ocasionados polo xabaril. A medida entrará en vigor este venres, 31 de xullo, despois da publicación das correspondentes resolucións no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A declaración terá unha vixencia ata o 31 de xullo de 2027, polo que abranguerá toda a tempada cinexética 2026-2027. As resolucións afectan aos Tecores, ás zonas libres e, como principal novidade, tamén ás explotacións cinexéticas comerciais de caza maior.

É a sexta ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento extraordinario, tras as declaracións realizadas en 2019, 2021, 2023, 2024 e 2025, e a primeira vez que se aplica á totalidade do territorio galego.

Segundo explica a Administración autonómica, a medida responde á necesidade de reducir as poboacións de xabarile minimizar os riscos derivados da súa presenza. Para adoptar esta decisión tivéronse en conta os avisos por danos na agriculturaos accidentes de tráficoa superficie afectadao censo porcino, así como os problemas de seguridade cidadá xerados pola presenza destes animais nas contornas urbanas.

Outro dos factores valorados foi o papel do xabaril como posible vector de difusión da peste porcina africana, ao considerar que unhas poboacións elevadas desta especie favorecen a dispersión da enfermidade e incrementan o risco de que pase a converterse en endémica en Europa.

A Xunta subliña que a emerxencia cinexética temporal constitúe un instrumento complementario á actividade cinexética ordinaria e ás actuacións de control por danos xa previstas na normativa galega, que continuarán desenvolvéndose conforme á resolución anual que regula a caza en Galicia e aos protocolos establecidos.

Durante a vixencia da declaración permitirase abatir ou capturar sen límite de exemplares de xabarís de ambos os dous sexos, priorizando as femias adultas e subadultas. Tamén poderá autorizarse a captura de crías e femias acompañadas de crías, sempre que exista autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, conforme á Lei de caza de Galicia.

A resolución tamén contempla a ampliación dos períodos hábiles de caza en xornadas non previstas inicialmente nos plans anuais de aproveitamento dos Tecores e autoriza, con carácter excepcional, o emprego de determinados medios auxiliares, entre eles dispositivos electrónicos de visión, detectores de presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos situados nos cultivos afectados.

Así mesmo, poderanse autorizar esperas ou aguardos por parte dos propietarios afectados en terreos de réxime cinexético especial, sempre coa autorización do titular do aproveitamento, ademais doutras actuacións complementarias para reforzar o control da especie.

A declaración poderá quedar suspendida antes da súa finalización, total ou parcialmente, mediante resolución, no caso de que desaparezan as causas que motivaron a súa adopción.