lunes. 11.05.2026

Evento

AXENDA | Aberta a convocatoria de axudas Leader con 1,35 millóns para a comarca da Limia

9/2/26
12:30
Salón de Plenos
WhatsApp Image 2026-02-02 at 11.19.10
O Salón de Plenos de Xinzo acollerá a charla para os interesados.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a convocatoria das axudas para a execución de operacións ao abeiro da intervención Leader 2023-2027, xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Esta nova liña de apoio contará cun orzamento específico de 1.352.166,54 euros destinado exclusivamente ao territorio do GDR Limia-Arnoia, dentro dunha partida global de máis de 28 millóns para toda Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes ábrese mañá e estenderase durante dous meses, finalizando o vindeiro 6 de abril.

As axudas están dirixidas a un amplo abano de beneficiarios, incluíndo persoas físicas e xurídicas, entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais e comunidades de montes. O obxectivo é financiar tanto proxectos produtivos que xeren emprego, que poderán recibir ata o 50% do investimento cun límite de 100.000 euros, como proxectos non produtivos de interese xeral, subvencionables ata o 90% cun tope de 30.000 euros. Ademais, mantense o Bono Activa Rural, unha axuda a tanto global de ata 18.000 euros para a creación de actividades non agrarias por parte de novos autónomos. A execución dos proxectos realizarase por anualidades entre 2026 e 2028, o que outorga unha maior marxe temporal aos promotores para completar os investimentos.

Co fin de achegar esta información á veciñanza e aclarar dúbidas, o GDR Limia-Arnoia organizará xuntanzas informativas polo territorio nas vindeiras semanas. A primeira delas terá lugar en Xinzo de Limia o vindeiro luns, 9 de febreiro, ás 12:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. A sesión será aberta ao público sen reserva previa e tratará de asesorar a empresas, asociacións e particulares interesados. Ademais, a entidade pon a disposición as súas oficinas en Allariz, Xinzo e Celanova, así como o correo electrónico info@limia-arnoia.gal para consultas personalizadas.