Evento
AXENDA | O Antela FC recibe ao Betanzos no primeiro asalto polo ascenso a Terceira
O Antela FC afrontará este domingo un dos partidos máis importantes da súa historia recente coa disputa da ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Terceira RFEF fronte ao Betanzos CF. O encontro xogarase no estadio da Moreira, en Xinzo de Limia, a partir das 17.45 horas.
O conxunto limiano chega a esta fase tras completar unha das mellores campañas da súa traxectoria e asegurar a súa presenza na promoción de ascenso despois de empatar sen goles no campo do Portonovo, resultado que lle permitiu confirmar a quinta praza do grupo.
A eliminatoria medirá ao Antela, quinto clasificado do seu grupo, co Betanzos, subcampión do grupo norte da categoría. O partido de volta disputarase o próximo 7 de xuño no campo de García Hermanos, en Betanzos. O vencedor desta primeira rolda avanzará á eliminatoria definitiva polo ascenso.
O ambiente na comarca da Limia medra co paso dos días ante unha cita considerada histórica para a entidade de Xinzo. O equipo dirixido por Bruno Gómez conseguiu converter a Moreira nun dos campos máis sólidos da categoría durante a tempada, algo ao que se agarra agora a afección limiana para intentar dar o primeiro paso cara ao ascenso.
Desde as redes sociais do club tamén se confirmou o horario e os detalles da eliminatoria, nunha semana marcada pola mobilización da bancada e pola expectación xerada arredor dun equipo que continúa rompendo marcas históricas.
