sábado. 20.04.2024

Defendamos a nosa máscara

Opinión de Xosé Calleja López sobre o Entroido.
Opinión de Xosé Calleja López sobre o Entroido.

Estamos no tempo no que a oscuridade gánalle a batalla á luz. É tempo de recollimento, pero tamén é certo que esta é a tempada das festas máis importantes para os que amamos a cultura popular. Moitas das nosas antigas tradicións chegaron ata nós pero con importantes modificacións pola influencia dunha cultura unificadora que quere que o noso desapareza. Temos unha loita por diante e aínda que pareza que perdemos contra o poder da globalización temos que chegar ao internacional dende o local. O que digo non é novo, é da xente da xeración NÓS que naquela altura ollaron tan claro o futuro.

Pasou o tempo de difuntos, (das nosas almiñas que nada teñen que ver con esas dos americanos que meten medo), de visitar os cemiterios onde descansan os nosos maiores. Tempo de Santos, de magostos (as primeiras máscaras cando pintamos a cara coa cinsa das castañas). Tamén pasou o tempo do Nadal con todo a seu simbolismo e o tolo consumismo. Máis no Nadal somos moitos os que comezamos a preparar a seguinte festa, o Entroido. Tódalas festas queren véspera e o Entroido… vaia se ten.

Dende sempre estas datas son de comenzar a ollar para a máscara por si necesita reparación. Tempo de renovar algunha prenda do traxe. Encargar as vexigas. Os que saen en cuadrilla coa máscara comezan a activar o grupo do whatsapp. Organizar comidas, ceas, camas para os invitados…

E chega o momento de poñer a nosa máscara. De disfrutala nos poucos días que dura o Entroido. Moitas veces penso que para o pouco que dura o Entroido, como muda as nosas vidas. Que cantidade de opinións crea, con canta pasión nalgúns casos, e ao mesmo tempo o pouco que sabemos. Como se chamaban os que facían as Pantallas antes do Julio Villarino que é ata onde chego. Como eran as Pantallas e como vestían antes das fotos en branco e negro que todos coñecemos. E os entroideiros como se chamaban? Porque non quedaron rexistros?

Chegou algo a través das anécdotas dos nosos maiores pero tivo que haber moitísimas cousas no Entroido. O que pasa no Entroido queda no Entroido. Xa…Pero agora necesitamos que se coñeza o noso Entroido para poder defender a singularidade dentro da festa común. Necesitamos que se rexistren formas, cores e comportamentos porque nesta sociedade da inmediatez e das redes sociais o que se inventa faise tradición nuns anos. Temos xente moi atrevida que sen coñecer en profundidade a máscara fai unha interpretación errónea tanto no emprego dos materias como na defensa dunha modernidade que non é compatible co facer tradicional. Temos que defender a máscara, a forma de levala e a nosa actitude para cos demais e que a propia máscara esixe. Non é doado máis temos que loitar para que se manteñan no tempo a nosa forma de vivir o Entroido.

Se és moz@ e queres ser unha Pantalla interésate por como, cando e porque se leva a máscara. Fala cos maiores para que che conten as súas vivencias entroideiras. Seguro que quedades encantados de escoitalos e eles de contalas. Vai onde te ensinen a facer a túa propia Pantalla para coñecer o traballo que dá facer as cousas ben e con cariño. Déixate aconsellar e observa como se comportan os maiores coa máscara. Como se moven, como actúan, cando e onde descansan. Como visten. Disfruta e sente o orgullo de ser unha Pantalla, porque cunha Pantalla eres un ser único no universo.

Comezamos. LUME!!!

Defendamos a nosa máscara