NOTICIAS A LIMIA | O asalto pecha unha Romaría masiva na Saínza

FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.
FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.
)

Mais dun milleiro de persoas presenciaron este domingo o asalto do exército cristián ao castelo tomado onte a noite polos mouros, nun espectáculo teatral e pirotécnico que puxo o ramo á Saínza, a Romaría da Limia antes do xantar que volveu xuntar familias e cuadrillas nos campos e carballeiras da contorna. Centos de persoas máis achegáronse para comer o polbo e as viandas preparadas para a ocasión na festa que pecha o ciclo do verán na comarca. 

Os tres días trouxeron numeroso público da comarca e da contorna en dúas noites de masivas verbenas e unha tarde, a do sábado, na que o baile e a música da Foliada tomaron o protagonismo. Xinzo volveu quedar baleiro estas tardes, e desde vilas como Allariz, Bande, Celanova, Maceda e Verín acudiron os máis fieis a unha festa que levaba dous anos sen se celebrar. Na misa da mañá, antes do combate e do xantar, os alcaldes de Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Os Blancos, así como o Delegado Territorial da Xunta, acompañaron ás autoridades locais. 

Un grupo amplo de efectivos da Garda Civil e de Protección Civil coidaron pola seguridade, e o tempo (sol, pero sen demasiada calor) agarimou o día. A Saínza volve, e con moitas mozas e mozos participando no combate. A festa recupera vigor. 

FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.