FOTOGALERÍA | Vilar de Santos, á Primeira División de Veteranos

FOTO | Concello de Vilar de Santos.

A Asociación Cultural, Deportiva e Veciñal Vilar de Santos certifica un merecido ascenso nunha tarde de gloria no concello limiao. 

O equipo colleitou no seu terceiro ano de vida o seu segundo ascenso e xogará o próximo ano na Primeira División provincial de fútbol de Veteranos logo dunha campaña proveitosa na que o fútbol transcendeu no pobo da Arracada ao incorporar ó clube a máis de cen persoas entre xogadores, directiva, colaboradores e colaboradoras e patrocinios. 


O equipo naceu no seu da veciñanza no verán de 2022 e apenas nove meses despois conseguira subir ata a segunda categoría provincial. Despois dun ano de consolidación do proxecto, consegue unha nova promoción que o sitúa ás portas do máis alto do fútbol de veteranos. 

Cun plantel formado principalmente por xogadores de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Sandiás, conta coa axuda dunha nutrida representación do veciño concello de Xinzo de Limia. Neste ascenso foi clave a labor do porteiro Dani Blanco, Manu, Beni, Lama, Pablo Curras, Miranda... Na parte organizativa e a futbolística de Diego Boia, Adrián, Pablo... Aínda que o éxito radica no concepto coral do equipo. 


O alcalde de Vilar de Santos, Rubén Colmenero 'Pisto', é promotor e tamén xogador do equipo e valora o éxito como “unha mostra de que o deporte é principalmente unha excusa para xuntar a un pobo e velo unido, traballando xunto”. Congratúlase principalmente da rede de colaboradores e colaboradoras: “Ver a xente da zona que non xoga pero que madruga para limpar as instalacións, que prepara a merenda para a afección ou que pon ó servizo do equipo todo canto ten é o meu maior orgullo”, engade. 


O ascenso ten unha dedicatoria especial e indiscutible: “A emoción que sentimos dedicámoslla ó noso compañeiro Pablo de Currás, que está loitando pola súa saúde e incorporar estes folgos que lle mandamos vaille axudar definitivamente porque sen el, a vida do Vilar de Santos non é completa”. 


Pisto adiantou tamén que están traballando para levar ó equipo ó torneo internacional de Ribadeo que se xogará nas últimas semanas de maio.