martes. 08.10.2024

Vai para un ano que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia prohibiu a ampliación dunha granxa de polos en Congostro (Rairiz de Veiga), sentenza que foi recorrida pola Consellería de Medio Ambiente, e agora a Xunta de Galicia vén de sacar a exposición pública o Estudo previo de iniciación dunha concentración parcelaria na parroquia de Rairiz, no mesmo concello, a uns 5 quilómetros da granxa afectada e a menos de 2 quilómetros do río Limia, proxecto lindeiro coa ZEPA da Limia, en Rede Natura por tanto, e tamén dentro da Reserva da Biosfera. E o Estudo previo, asinado por técnicos de Medio Rural, sinala como obxectivo da parcelaria “satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos”. 


O acordo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural é do 8 de xullo, e o anuncio no DOG publicouse o 26 de xullo cun mes de prazo de exposición. O Concello de Rairiz de Veiga non presentou o informe que os autores do estudo lle demandaron. Son informes non vinculantes, mais o concello non respondeu á petición inicial, como tampouco a Deputación, a Subdelegación do Goberno, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio. O órgano xestor da Reserva da Biosfera Área de Allariz non foi nin sequera consultado.


O estudo previo emite unhas conclusións e unha avaliación global da “zona que se vai reestruturar”: 640,7 hectáreas (excluídos os núcleos de poboación), cunhas 5.700 parcelas cunhas superficie media de 1.080 metros cadrados, e unha rede de camiños de 31 quilómetros e unha superficie de ríos de 2,4 hectáreas. 


E indica: “Existen explotacións gandeiras de tipo intensivo, e vocación na zona para establecemento de novas explotacións. A súa implantación require parcelas de gran tamaño para satisfacer as necesidades de manexo e as normativas urbanísticas e ambientais”.


Antes de concluír: “O incremento do tamaño das parcelas e a súa ordenación permitirá satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos, ligadas ás cooperativas ourensás, COREN, como xa se acreditou nas zonas concentradas limítrofes”. O estudo está asinado por Víctor M. Yáñez Cortés, enxeñeiro agrónomo, e dirixido por José Manuel Vázquez Fernández De la Vega, do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense.

A “vocación” da veciñanza e a “demanda de leiras” xustifícanse na intervención do representante das asociacións profesionais agrarias (Carlos Basalo, UU.AA.) nunha reunión do Comité Técnico Asesor para a Reestruturación Parcelaria na provincia de Ourense, en abril do 2021, na que sinala que na “zona hai demanda de terras para a realización de actividades agrarias e gandeiras”, segundo recolle a acta; e tamén nun documento remitido polo Concello de Rairiz de Veiga con data de 13 de marzo de 2018 (daquela xa gobernado pola actual alcaldesa, Asunción Morgade) con  “sinaturas dos veciños das parroquias de Rairiz, Zapeaus, Candás e Lampaza “para que se inicie o expediente de concentración parcelaria das distintas parroquias na maior brevidade posíbel”. Na actualidade en Rariz de Veiga están en marcha concentracións en Congostro e Guillamil-Sabariz.


Na análise da situación da agricultura e da gandaría na zona, o estudo informa de que o 76% das parcelas en uso están vinculadas á PAC a través de explotación gandaría intensiva, e contabiliza o número de explotacións e Unidades de Gando Maior. Detecta, entre outras, 13 explotacións gandeiras de ovino, 9 de bovino, 12 de porcino e 2 de polos. As explotacións de porcino e polos suman 861 UGM, o 64% da carga gandeira. Entre as explotacións intensivas, só 464 UGM contan con base territorial, segundo o estudo.

Parcelaria Saínza Estudo inicial 2 (FILEminimizer)
Zonas de actuacións proposta (ao norte, cos núcleo poboacionais) e exlcuída (ao sur, área ZEPA).

“As producións gandeiras xeran unha importante porcentaxe da economía do Concello. As posibilidades de incrementar a rendibilidade destas explotacións e animar as novas incorporacións precisan un incremento do tamaño das parcelas para rendibilizar os cultivos, mellorar as técnicas de manexo gandeiro e preservar do alto risco de incendios”, afirma o autor do estudo. E conclúe: “Como consecuencia directa do pequeno tamaño das parcelas e das explotacións produciuse unha diminución da actividade agraria e gandeira que levou ao abandono das parcelas, co consecuente aumento do risco de incendios, erosión, perda de produtividade e biodiversidade. Todo isto determina perdas económicas, poboacionais e ambientais”. 


O pasado 2 de setembro, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou en Xinzo, durante a inauguración da Feira da Pataca e da maquinaria agrícola, que “este mes” sería presentado oficialmente o PEL (Plan Estratéxico da Limia), en cuxo espírito os redactores introduciron a necesidade de avanzar na diminución da carga gandeira da comarca cara un novo modelo de produción no camiño da sustentabilidade ambiental (frear a contaminación das augas) e garantir a saúde da poboación. 

Carballa da Rocha (FILEminimizer)
A Carballa da Rocha, monumento natural, que queda dentro da zona de parcelaria. | FOTO: Noelia Caseiro.

A peza clave do PEL ía estar no termo “moratoria” (á instalación e ampliación de explotacións de gandaría intensiva, algo que xa acontece noutras partes do Estado, na veciña Castela e León, por exemplo). Os ecoloxistas consideran que coa simple moratoria xa non é suficiente (así o manifestou Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, a pasada fin de semana en Lodoselo). Mais o problema, asumido nas súas causas e posíbeis solucións por todos os actores convocados na Mesa da Limia, pasa por actuar.


O PEL ía ser o primeiro plan global. Mais xa non será presentado esta semana, como confirmou onte ao Diario do Limia a propia consellería. A declaración de zona vulnerábel tal e como esixe Europa aínda chegará máis tarde. O atraso de calquera acción parecía ser a única política real, mais os obxectivos explícitos no estudo previo á parcelaria de Rairiz parecen suxerir que a política real é a mesma que antes: "satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos, ligadas ás cooperativas ourensás, COREN"; é dicir, promover a gandaría industrial malia o que supón de incremento da carga gandeira e do risco da contaminación deriva dos residuos deste modelo gandeiro.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta promove a parcelaria en Rairiz co obxectivo explícito de...