miércoles. 13.11.2024

Unha semana despois de que o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciase en Xinzo que este mes será presentado oficialmente o Plan Estratéxico da Limia (PEL) no acto de inauguración de Alimagro, no Toural, rodeado de tractores de última xeración e de representantes de todas as Administracións Públicas (Goberno, Deputación, concellos) que teñen algo que dicir na Limia, o PEL volveu ao Parlamento da man do deputado nacionalista Xosé Luís Rivas, que interpelou ao goberno galego na Comisión de Agricultura e volveu topar con José Antonio Armada, ex alcalde de Bande e parlamentario popular, que empregou os dez minutos da súa quenda en falar de leis e directivas sen explicar nin que medidas traerá o plan nin cando chegará.


Unha semana despois do anuncio do conselleiro, Amador Díaz, concelleiro de Medio Rural e presidente da asociación de pataqueiros da Limia, sector que participou da Mesa da Limia onde se acordaron as directrices para a elaboración do PEL, manifesta á saída do pleno de Xinzo de onte mentres o plan se debate no Parlamento, que o sector “non se sabe nada do PEL” mais sinala que “algunhas cousas se foron facendo”, en referencia ao plan para o regadío e a limpeza das canles.


Desde ADEGAL, a asociación de gandeiros e agricultores, a súa presidenta María Teresa Joga xa manifestou a semana pasada “prudencia”. “O sector está moi preocupado, cunha crise de prezos e coa seca polo medio, e temos que ser prudentes e non opinar antes de coñecer as medidas”.  


Fontes do Sindicato Labrego Galego (SLG) reiteraron onte o malestar na súa organización, que como ADEGAL tamén participou da Mesa da Limia. “Estamos fartas de plan estratéxicos. Van máis de cinco nos últimos vinte anos. Fanse os plans pero logo de presentalos, nada... até o seguinte plan. Esperaremos a ver que presentan e a que se comprometen e en que prazos”.


“A que esperan?”, preguntou o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, no Parlamento, “a que pasen as eleccións?, a que os seus alcaldes na comarca deixen de presión? Hai demasiados intereses comerciais e electorais, que veñen sendo o mesmo”.

 

“O PEL concíbese coa necesaria participación de todos os axentes representados na Mesa da Limia, e os seus obxectivos establécense por consenso”, respondeu Armada, despois dun amplo repaso á normativa estatal e comunitaria que determina un procedemento de actuación antes de que a Xunta de Galicia poida exercer as súas competencias para declarar A Limia como zona vulnerábel á contaminación das augas. Iso serviulle a Armada para argumentar que a contaminación do Limia non era responsabilidade que debera atender o goberno galego, que antes está a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; é dicir, o Goberno; é dicir, o PSOE.  

A que esperan? Teñen claro que van facer unha política de reversión? Pois adiante... Hai que poñerlle peito sen prexudicar aos sectores”, dixo Xosé Luís Rivas.

“Nada sabemos do PEL. Está gardado nun caixón. O PP, que potenciou a produción en intensivo e agora négase a impoñer unha moratoria, agocha a cabeza. Abandonen este Entroido permanente. Levan 12 anos de permisividade. Como que non é responsabilidade da Xunta? Acaso non leu o que di o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a respecto da responsabilidade de Medio Ambiente na sentencia de novembro de 2021 sobre a anulación da ampliación dunha granxa en Rairiz de Veiga? A que esperan? Teñen claro que van facer unha política de reversión? Pois adiante... Hai que poñerlle peito sen prexudicar aos sectores”, dixo Xosé Luís Rivas.

 

O parlamentario nacionalista desenvolveu o mesmo relato que en anteriores interpelacións ao goberno galego. Explicou como no 2018 a mobilización social na comarca obrigou ao executivo de Núñez Feijoo a abordar o problema, como en abril de 2019 se convocou a primeira Mesa da Limia con “máis de 140 persoas en representación de entidades públicas, privadas e profesionais”, como no 2020 a análise estaba feita e se encargou a redacción dun plan, e como o plan se rematou e foi entregado a finais de 2021. 


E resumiu: “O que menos lle importa ao goberno galego é a contaminación difusa, as cianobacterias, a satura das terras agrícolas con fosfatos e nitratos, a ameaza para a saúde que supoñen as augas contaminadas... Como se pode converter unha terra en infértil a base de exceso de fertilización?”.

Elaboración da tortilla xigante, a pasada fin de semana en Alimagro. | FOTO: Iván Iglesias.

No Parlamento non hai noticias sobre o PEL. Na Limia, a semana pasada o conselleiro anunciou que pronto se coñecerá o plan. Foi en Alimagro, a feira da pataca que rematou nunha gran tortilla coa que a comunidade reafirmou os seus valores. 


No mesmo escenario que un técnico da Administración autonómica de Castilla e León perdeu unha hora en explicar que realizar unha declaración de zona vulnerábel leva o seu tempo e que a produción normativa europea vai a tal ritmo que é se lles fai complicado seguila. A eles, que teñen vinte anos de experiencia na cousa. “Galicia ten un problema, poñédevos as pilas”, deixou dito.
 

NOTICIAS A LIMIA | “E o PEL, que?”