viernes. 04.10.2024

“Galicia está contaminada, Galicia ten que facer algo”, empezou advertindo José Guirao, do Servicio de Prevención Ambiental y Cambio Climático da Junta de Castilla y León, esta mañá nunha conferencia no marco de Alimagro na Casa da Cultura de Xinzo. Ningún responsábel político nin empresarial falou tan claro das consecuencias da inclusión da Limia no mapa de augas afectadas desde que en maio pasado o MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica) incluíu a comarca e o encoro das Conchas entre as zonas sobre as que as directivas europeas esixen intervir. 

José Guirao ten experiencia dabondo. A Administración de Castela e León empezou a traballar na primeira declaración de zonas vulnerábeis a mediados dos noventa, a partir da transposición en 1996 en España da Directiva comunitaria 91/676. En xaneiro pasado, o Real Decreto 47/2020 modificou a normativa de 1996. 

Cada 4 anos o mapa de augas vulnerábeis actualízase, e as comunidades deben revisar as súas declaracións de zonas vulnerábeis (que, normalmente, se amplían) e os seus programas de actuación. Guirao xa leva tres revisións, a última na súa comunidade é do ano 2020. 

José Girao (FILEminimizer)
José Guirao, este xoves na Casa da Cultura de Xinzo.

Agora, o goberno autonómico está valorando se declarar zona vulnerábel toda a comunidade. A razón: o enorme esforzo técnico e administrativo para sacar adiante unha declaración de zona vulnerábel “para a que hai que poñer de acordo a moitos departamentos do goberno, asociacións, grupos ecoloxistas, organismos de cunca, e demais”. “Ese”, indicou Guirao, “é o traballo que ten por diante Galicia. E dispón de tres anos, xa menos, porque o reloxo empezou a contar en maio. E hai que facelo, e non é nada sinxelo”.

Diante dun reducido grupo de espectadores, entre os que se encontraban o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e Servando Álvarez, responsábel do Centro Agrogandeiro do Inorde, fixo un percorrido detallado sobre a normativa europea, estatal e autonómica a respecto da contaminación pola actividade agrogandeira.

“Para sacar adiante unha declaración de zona vulnerábel hai que poñer de acordo a moitos departamentos do goberno, asociacións, grupos ecoloxistas, organismos de cunca, e demais. Ese é o traballo que ten por diante Galicia”.

A alerta, demostrou, está activada desde hai 20 anos. Mais só no ordenamento. Despois introduciu outro elemento: as medicións do excedente de nitratos en España procedente da actividade agraria, con datos do Ministerio de agricultura tirados do último informe oficial enviado polo Estado a Bruxelas. “A media de perda de nitratos entre o 2000 e o 2017 é de 25 quilos por hectárea, calculade o prezo... porque o fertilizante non o regalan”, dixo.

E continuou: “Onde van eses nitratos? Pois, ás augas subterráneas, e ás augas superficiais, e tamén á atmosfera. E coidado, non só falamos de contaminación de augas, porque se o nitrato vai ao aire en forma de óxido de nitróxeno, é 27 máis contaminante que o CO2, e por iso Europa pide ensamblar as accións sobre os nitratos co plan da calidade do aire, especialmente no que respecta ao almacenamento de estercos no exterior”.

Guirao informou sobre a estratexia que seguiron en Castela e León para atender as dificultades de elaboración da normativa e da aplicación práctica dos plans. Alí tomaron como unidade os concellos. É dicir, determinaron como zona vulnerábel e área de intervención o territorio do concello onde o mapa de augas afectabas indicaba un ou varios puntos. Agora pensan que o máis práctico, e dada a superficie que xa ocupan esas zonas, é declarar todo o territorio da comunidade, e actuar con plans adaptados a cada comarca na que deban intervir.

Para poder intervir, Castela e León dotouse de ferramentas. Estableceu un mecanismo para controlar o incremento da contaminación procedente da gandaría extensiva, por exemplo. Miden o número de cabezas de gando e a superficie agraria útil e fixan un limiar a partir do que non autorizan nin ampliacións nin novas granxas, ou, noutros niveis, impiden que se verta sobre o territorio utilizando outras técnicas de xestión dos estercos. 

“O propio goberno do Estado está suxerindo que se elabore un regulamento europeo que obrigue, e nese caso non haberá prazos, será de cumprimento inmediato, nin botarán anos para redactalo”.

Castela e León leva anos de experiencia e distancia a respecto de Galicia nas políticas contra a contaminación das augas, e por iso Guirao insistiu na urxencia de abordar a cuestión aquí na Limia e no resto do país, “porque Europa está enriba e cada vez será máis esixente, e o propio Estado español está a recoñecer que aquí avanzamos pouco e non somos quen de atallar o problema”. Por iso, subliñou Guirao, como as directivas comunitarias non teñen o peso suficiente, “o propio goberno do Estado está suxerindo que se elabore un regulamento europeo que obrigue, e nese caso non haberá prazos, será de cumprimento inmediato, nin botarán anos para redactalo...”

Por último, Guirao enmarcou o problema da contaminación das augas pola actividade agrogandeira como un problema de saúde pública, e tamén se referiu aos riscos, non só para a fauna, a flora e as augas dos ríos e encoros a causa da eutrofización, senón tamén para a saúde das persoas. E aludiu ao exemplo do Mar Menor (Murcia). Nas Conchas, a semana pasada, unha asociación de veciñas denunciou diante do Seprona que o encoro emite este ano un cheiro insoportábel. Falta osíxeno nas augas e iso provoca ese cheiro. Este ano non apareceu o manto verde, pero iso non quere dicir que as augas estean sas. 

“Isto non é unha batalla contra os agricultores nin contra os gandeiros. No ordenamento e nos programas de actuación intentamos conciliar todos os intereses. Mais hai que entender que debemos alimentar a terra como alimentamos aos nosos fillos: sen que lles falte, pero sen excesos”, deixou dito José Guirao. “Deberiamos pensar que detrás de nós veñen os nosos fillos, e que ademais dunha casa, deberiamos deixarlles o máis valioso que temos, a natureza”.

Mañá arranca Alimagro, con exposición de maquinaria no Toural, e de alimentos no pavillón de deportes. Haberá música, discursos e degustacións coa pataca como base. 
 

NOTICIAS A LIMIA | “Galicia está contaminada, Galicia ten que facer algo”