viernes. 19.04.2024

Mes e medio despois de que o pasado 23 de maio o Ministerio para la Transición Ecológica (Miteco) sinalase varios puntos da comarca da Limia no mapa estatal de augas afectadas por contaminación de nitratos e fosfatos, a primeira vez que isto sucede en territorio galego, e activase o prazo para que a Administración competente, a Xunta de Galicia, proceda á declaración da Limia (e do encoro das Conchas) como zonas de augas vulnerábeis ningún responsábel do goberno Rueda (antes Feijoo) se pronunciou a respecto do prazo. 


O BNG rexistrou no Parlamento galego, coa sinatura das deputadas por Ourense María González Albert e Iago Tabarés, e do portavoz nacionalista de Agricultura, Xosé Luis Rivas, unha pregunta parlamentaria na que pide un pronunciamento do goberno galego. 


“Que vai face-lo goberno galego a respecto do anuncio do Miteco coa publicación no BOE do mapa das augas afectadas  pola contaminación ocasionada por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira en puntos da comarca da Limia?”, di o texto da pregunta rexistrada hai un mes, o pasado 9 de xuño, pero que aínda non chegou ao pleno parlamentario. E tampouco figura na orde do día do próximo pleno, previsto para o martes.


As nacionalistas lembran que o mapa do Miteco sinala tres masas de auga superficial situadas no río Limia en Porto Alto, no río Nocedo en Rebordechá, as dúas no concello de Xinzo, e na canle da Lagoa en Vilar de Santos. E outras dúas de augas subterráneas en San Pedro de Laroá (Xinzo) e Cardeita (Sandiás). Ademais, de dous puntos no pantano das Conchas.

Segundo a lexislación vixente, subliña o Bloque, o Real Decreto 47/2022 prevé que as Comunidades Autónomas designen coma zonas vulnerábeis todas as superficies coñecidas do seu territorio en que as escorrentías flúan cara ás augas sinaladas no mapa de augas afectadas, e que o prazo para a súa declaración será como máximo de tres anos contados a partir da publicación no BOE do mapa.

“Están en entredito o bo nome da comarca da Limia, a súa actividade agrícola e gandeira e o seu futuro inmediato e a longo prazo”, sostén o BNG, e afirma que “o peor de todo é o silencio, a falta de información e a ocultación do tan falado Plan Estratéxico da Limia do que xa hai serias dúbidas que tal Plan Estratéxico exista”.


As nacionalistas reclaman un acordo parlamentar para que se informe á Mesa da Limia “das medidas que pensa adopta-lo goberno galego a curto e a longo prazo”; que se informe tamén “á cidadanía afectada”, e dar a coñecer o Plan Estratéxico da Limia. Mais subliñan a cuestión central: “Vai declarar, o goberno galego, zonas vulnerables na comarca da Limia?”.
 

NOTICIAS A LIMIA | O BNG reclama da Xunta unha resposta sobre a declaración da Limia...