martes. 08.10.2024

A xornada informativa sobre economía circular celebrada onte no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia e organizada polo Inorde, coa presencia da súa xerente, Emma González, e na que se trataron posibles alternativas eficientes na xestión de xurros e estercos contou coa presencia de agricultores, comunidades de regantes, técnicos da IXP Pataca de Galicia e mesmo algún responsábel político como o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos. Porén, desde a organización botaron en falta unha maior representación de gandeiros. “O 90% dos asistentes pertencen ao sector agrícola. Só vimos dous gandeiros. Adegal [a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia] non participou”, lamentaron os organizadores.

A sesión de onte serviu para que a xefa de Servizo de Explotacións Agrarias en Ourense, Encarna Rodríguez Soto, anunciase publicamente en Xinzo que a Xunta de Galicia está visitando explotacións de porcino para analizar a produción de residuos de cada granxa, a súa capacidade de almacenamento e o destino que lle dan.

Ademais, Alfredo Rúa, xefe da Área de Seguridade Alimentaria do Servizo de Gandaría de Medio Rural, tivo unha breve intervención para poñer en contexto a problemática dos xurros na Limia e avanzar algunhas vías para minimizar o impacto sobre as augas e os solos.

“No caso dos residuos de cebo de vacún e de cebo de polos os residuos teñen o seu valor, teñen un mercado e teñen incluso os seus operadores, e nesta comarca é habitual que algún deses subprodutos se empreguen no cultivo da pataca”, comezou Rúa. E a continuación puxo como exemplo comarcas como Lalín e Silleda, cunha cabana gandeira de porcino “tan grande ou máis que a da Limia e que non xera os problemas que está xerando aquí”.

CULTIVOS PARA AS VACAS
“A diferencia é que nesas comarcas”, engadiu o xefe da Área de Seguridade Alimentaria, “existen cultivos de pasto que si valorizan estes residuos e os transforman en forraxe para o gando vacún”. Explicou o responsábel de Medio Rural que na Limia “non existe esa cabana de vacún tan abundante” e sinalou que unha das vías é “acoller modelos silvipastorís que asuman os xurros e que os transformen para sacar ese nitróxeno e o fósforo fóra”.

Mais esa non é unha solución a curto prazo, recoñeceu Rúa. Ademais, o prazo para a declaración da comarca como zona vulnerábel á contaminación comezou a correr xa. “Mentres, non queda outra que empezar a extraer o nitróxeno e o fósforo que se produce na Limia e tratar de sacalos para outras comarcas”. 

Xornada sobre Economía Circular este mércores no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo (3)
A xerente do Inorde, Emma González, na presentación da xornada.

A COMPOSTAXE
Neste punto, Rúa sinalou medidas como separar o xurro de porcino “nunha fase líquida e noutra sólida, na que a parte sólida leva o 30 ou 40% do nitróxeno e o 60 ou 70% do fósforo e pode ser compostada xunto con outros materiais”. Esa é a iniciativa que “hoxe se están poñendo en marcha”, dixo Rúa. Pero aínda non hai esa planta de compostaxe para “sacar da Limia ese estrato seco”, recoñeceu. 

O xefe da Área de Seguridade Alimentaria do Servizo de Gandaría de Medio Rural concluíu a súa intervención apuntando que esas dúas vías, o sistema silvipastoril e a compostaxe, “nun marco de economía circular que dea lugar aos cambios que necesitamos na xestión do xurro”.

ESPECIFICIDADE DA LIMIA
No debate posterior ás conferencias, e segundo informa o Inorde, os produtores demandaron para A Limia unha planta de tratamento dos subprodutos que xera a gandaría intensiva na comarca, poñer en valor estes subprodutos e empezar a velos como unha oportunidade. Tamén insistiron en que A Limia precisa solucións propias pola súa especificidade e mostráronse abertos a participar en redes colaborativas (un dos obxectivos da xornada era presentar algunhas destas redes), en especial nas que faciliten o acceso á maquinaria.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta propón a compostaxe e as forraxes para “sacar para outras...