viernes. 26.04.2024

En Calvos de Randín, cada inverno un día si e outro tamén nas noticias a conta das temperaturas mínimas no país, o inverno é tamén demográfico. A media de idade da poboación é 61 anos, a idade do alcalde, Aquilino Valencia, independente polo PSOE, que non votou nas primarias provinciais que gañou Villarino porque non ten carné mais opina que o partido necesita "cambios". Valencia leva desde o 2007 na alcaldía do concello arraiano, o único na Limia que ten parte no Parque do Xurés e está catalogado como Reserva da Biosfera. Unha potencia turística en potencia, malia o frío do inverno. Pero que ten problemas máis urxentes antes de poñerse a soñar.

O primeiro, unha residencia. O segundo, un pequeno polígono industrial para que se poida instalar unha das dúas empresas coas que arrancou a idea. A outra xa marchou para outro sitio. En Calvos non hai polígono nin residencia de maiores. O alcalde leva anos tratando de facer as dúas cousas, "pequenas, adaptadas ás necesidades do concello". Pero topa atrancos. Até non hai moito, Calvos era o único concello da comarca en mans do PSOE.

"Os atrancos son tamén mentais. Só hai que viaxar un pouco por Europa para ver como calquera pequena aldea ten a súa industria, uns cantos postos de traballo que dan moita vida. Pero aquí hai a idea de concentralo todo. Sexa en Xinzo, ou en Ourense. Por que?", láiase o alcalde dun concello con 21 desempregados (dato de 2020), ningún deles menor de 25 anos, e apenas 174 altas na Seguridade Social (2020) para unha poboación total de apenas 700 persoas.

Só hai que viaxar un pouco por Europa para ver como calquera pequena aldea ten a súa industria, uns cantos postos de traballo que dan moita vida. Pero aquí hai a idea de concentralo todo. Sexa en Xinzo, ou en Ourense. Por que?" (Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín)

"Necesitamos unha residencia de maiores porque temos moitas veciñas e veciños espallados por centros doutros concellos", reflexiona Valencia. "Queremos unha residencia pequena, integrada no casco urbano, familiar... como un fogar". O Concello de Calvos investiu "uns centos de miles de euros, agora non sabería dicir canto" na antiga reitoral, que se está a rehabilitar. A idea é un centro para unhas 30 persoas.

Reitoral en Calvos (2)Obras na antiga reitoral, no centro da localidade. 

"As residencias adoitan a construírse con convenios entre o concello, a Deputación e a Xunta", di Valencia. "Pero levamos así desde o 2018 e penso que somos vítimas dun trato desigual por parte da Deputación e da Xunta".

Co polígono pasa algo parecido, aínda que vén de máis atrás. Di o alcalde que ao principio, "hai seis ou sete anos", había dúas empresas interesadas, "case 50 postos de traballo entre as dúas". Pensaban nunha infraestrutura dunhas 5 hectáreas. Pero Valencia segue sen ver interese por parte das Administracións provincial e autonómica. "Non sei que narices teñen pensado facer coas aldeas... Pechalas?", conclúe. En Calvos hai 13 afiliados á Industria e 11 á Construción. Son datos de setembro pasado. 

NOTICIAS A LIMIA | Calvos clama por unha residencia (pequena) e un (pequeno) polígono