viernes. 26.04.2024

O ex alcalde de Amoeiro e líder da oposición en Ourense, Rafael Villarino [e non Villariño, como por erro do redactor apareceu na primeira edición de madrugada], de 56 anos, continuará como Secretario xeral dos socialistas ourensáns despois de gañar as eleccións cunha marxe de case 200 votos fronte a Alfredo García, actual alcalde de O Barco de Valdeorras.

A participación foi do 79% dos afiliados do PSdeG-PSOE na provincia. Votaron 1.239 dos 1.560 militantes.Villarino recibiu 709 apoios fronte aos 516 de García. “A militancia apoia o modelo de partido destes últimos catro anos, un modelo que nos levou a conseguir que o PP perdese a maioría absoluta na cidade e na Deputación, e o único que nos impide gobernar é ese pacto que todos coñecemos”, dixo o vencedor nunha rolda de prensa case a media noite.

Villarino, que no 2017 se impuxera a Noela Blanco, mantivo os seus apoios na cidade onde sumou 330 votos por 240 de García, e na maioría das cabeceiras de comarca, especialmente no Ribeiro (conseguiu 103 votos no Carballiño e Ribadavia fronte aos 43 do seu rival). Tamén se impuxo claramente en Verín, Xinzo e Celanova. Mentres García gañaba no Barco, na Rúa e Trives.

En Xinzo, praza que os candidatos visitaron a fin de semana pasada, Rafael Villarino alcanzou 33 votos. Na rolda de prensa, prometeu “unir o partido para que sexa imparábel [o seu lema de campaña]" e prometeu gobernar a cidade e a Deputación tralas eleccións de maio do ano próximo.

“Non temos nada que dicir. As compañeiras e os compañeiros falaron e dixeron que lles gusta como esta o partido. Non temos nada que dicir. Perdemos claramente. A vida segue, o partido segue e esperemos que estas primarias sexan para ben”, recoñeceu Alfredo García na súa intervención diante dos medios.

NOTICIAS A LIMIA | Ampla vitoria de Rafael Villarino, que tamén gañou en Xinzo, nas...