martes. 08.10.2024

Unha bolsa para creadoras literarias da Deputación de Ourense en colaboración co proxecto Residencia Literaria 1863, que dirixe Yolanda Castaño, permitiu a Rochi Nóvoa, poeta e activista cultural, impulsora do Tangaraño en Sobradelo (Xunqueira de Ambía), realizar unha estadía dun mes en Polonia para rematar Diagnóstico poético, unha obra que ela define como libro-guía, un libro de poemas que é tamén un convite á escritura “a través dunha serie de exercicios que aparecen na parte final”.


Rochi Nóvoa marchou a principios de agosto para a sede da Fundación czAR(T) Krzywogońca, no condado de Cekcyn, ao norte do país. O obxectivo das bolsas (das que se beneficiaron outras catro autoras) é “que poidan sentirse escritoras durante 24 horas, nunha experiencia de creatividade plena, e cambiando o paradigma: apoiando a creación literaria antes da publicación da obra”, segundo expresou Castaño na presentación da iniciativa.


“Estiven nunha casa marabillosa, illada nun entorno rural, entre piñeiros. Tiven o meu propio fogar, cunha terraza desde onde se vía o lago, dentro do espazo da Fundación, compartindo o día a día e experiencias con Grazyna Wojcieszko, unha poeta. E puiden asistir a exposicións e outras actividades na propia Fundación. A última semana estivo alí Cecilia Woloch, unha poeta e ensaísta estadounidense, unha eminencia”, conta Rochi Nóvoa.


A  Fundación czAR(T) Krzywogońca ten entre os seus fins promover “intercambios artísticos internacionais e o diálogo intercultural”, tal e como reflicte na súa web, así como “integrar ás comunidades creativas, académicas e rurais”.

Rochi Polonia (2)
Rochi viviu catro semanas na sede da Fundación czAR(T) Krzywogońca.

Alí, a carón do lago Jezioro Krzywogoniec, nunha paisaxe “con semellanzas á paisaxe galega”, di Rochi, a autora gozou dunha “especie de retiro espiritual” para desenvolver o seu proxecto, que consiste nun libro de poesía (“é o que terás na man como lector é iso, un libro de poesía”) e tamén algo máis: unha guía. 


Diagnóstico poético divídese en catro partes: Os paxaros que peteiran na cabeza, A casa dos paxaros que peteiran na cabeza, O corazón das imaxes ou medos dos paxaros que peteiran na cabeza, e O lugar onde non aniñan. “Son composicións que reflicten sentimentos, crises de identidade, a similitude entre aquela paisaxe a nosa”, explica a autora. 


Cándido Paniagua, escritor limiao e outro dos bolseiros (estivo de residente na Casa dos Escritores de Nilüfer, en Turquía), escribe o limiar de Diagnóstico poético.


O libro-guía pretende “que quites os versos que levas dentro”, di Rochi. Ao final de cada unha das partes hai un convite e algúns exercicios (por exemplo, palabras para rimar). “Non é un libro para nenas e nenos de Primaria. Poderían facer os exercicios? Seguro que si. Mais está pensado para todos os públicos”, aclara. Ao final do libro están as solucións. Na escolma de versos que fan parte dos exercicios, Rochi utiliza creacións de Iolanda Aldrei e Belén de Andrade, entre outras.

Rochi Polonia (1)
Rochi, con con Grazyna Wojcieszko, anfitriona e tamén poeta.

“É algo que non fixen antes, son poemas cuspidos desde as vísceras, alí raiei moito a cabeza... eses piñeirais interminábeis! Os medos... Traballei moito, so fun coa idea, e a verdade é que mudou bastante alá. Dei en xuntar Polonia con Galiza, libélulas que me veñen petar na man, as follas, os paxaros... Tiven liberdade absoluta para modificar o proxecto co que me presentei ás bolsas”.


O libro está escrito. Rochi cumpriu a encomenda. Agora non sabe se a Deputación publicará a obra ou terá que procurar editora. “Claro que me gustaría publicar. Unha das intencións desta experiencia era demostrar que a poesía é terapéutica, que desentraña e libera emocións, curándonos do automatismo que nos impón a rutina”.  


Rochi deixou “cousas” naquel lugar de Polonia (“algúns debuxos, poemas traducidos para unha revista da Fundación”), e trouxo outras: “amizades, experiencias, un modo diferente de ver a vida... penso que regreso enriquecida. Son unha Rochi distinta a que foi. E tiña que deixar plasmada parte desa experiencia”.

NOTICIAS A LIMIA | O retiro polaco de Rochi Nóvoa para escribir un libro-guía:...