Os Blancos estreará un tractor financiado por Deputación e Medio Rural
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, participaron hoxe no parque provincial de maquinaria na entrega de tractores con rozadoira para a prevención de lumes forestaisdestinados aos concellos de Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Mancomunidade de Celanova, Beariz, Mancomunidade de Verín, Ribadavia, Os Blancos, O Barco e Laza.
Menor salientou a importancia da colaboración entre administracións autonómica, provincial e local nunha provincia especialmente afectada polos incendios, lembrando que a vaga do pasado verán, a peor da historia, demostrou que Ourense é un territorio preparado en emerxencias, xa que non se rexistrou ningún falecido malia a magnitude da catástrofe. Pola súa banda, a conselleira destacou a necesidade de unir forzas baixo un obxectivo común para fortalecer a resposta fronte ao lume.
O acto enmárcase no protocolo de colaboración entre Xunta e Deputación, que vai pola súa cuarta edición e no que Ourense foi pioneira no 2019. O convenio inclúe dotación de maquinaria, formación e brigadas, acadando xa unha cifra histórica de 50 máquinas entregadas aos concellos, o 60 % do territorio provincial. Ademais, en 2025 reforzouse cun orzamento de 4,1 millóns de euros, coa creación de 16 brigadas que traballaron seis meses nas catro mancomunidades, dotadas de máquinas hidrostáticas polivalentes e formación no Centro de Loita contra o Lume de Toén (CILL).