miércoles. 24.04.2024

Este sábado, os veciños dos Blancos teñen unha cita co Entroido, festa que tratarán de recuperar. Por primeira vez, o Concello e a Asociación de Mulleres Rurais da localidade organizan varias actividades para desfrutar deste festexo que é tan importante na comarca da Limia e, en xeral, no sur da provincia.

O alcalde da localidade, José Manuel Castro, explica que o obxectivo é "recuperar a festa popular" e, aínda que este ano será "máis de espectáculo", agarda que no próximo poidan facelo de xeito máis tradicional. A intención do Concello é que este sexa o primeiro de máis entroidos nos Blancos. "Non é nada fácil organizalo, porque supón unha gran responsabilidade, pero queremos intentalo", sinala Castro.

A festa comezará ás 13:00 horas cun xantar de Entroido, a base de cocido, nunha carpa na que está previsto acoller a máis de 150 persoas, segundo confirma o alcalde. Aínda que se se fixou o día 15 como data máxima para anotarse, aínda se pode asistir a este xantar popular e pagar o propio día. O prezo será de 10 euros para empadroados, 5 para os nenos; e de 20 para os que non o están, 10 no caso dos nenos.

Esta non será a única cita do Entroido dos Blancos, xa que a festa continuará pola tarde. Entre as 15:30 e as 16:00 horas haberá un desfile con varias carrozas pola estrada xeral dende o cruce das piscinas municipais ata Covelas. Este ano, por falta de tempo, o Entroido nesta localidade non poderá transcorrer polas diferentes aldeas que a compoñen e esta será a meta a acadar para o futuro. 

Cartel do Entroido nos Blancos.
Cartel do Entroido nos Blancos.

 

NOTICIAS A LIMIA | Os Blancos festexará o seu primeiro Entroido este sábado