O Concello de Porqueira recibiu a visita do coronel e subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Antonio Peñas Preckler, nunha xornada marcada pola lembranza e o recoñecemento aos veciños do municipio que perderon a vida na Guerra de Cuba.
Durante a visita levouse a cabo unha homenaxe aos caídos e fíxose entrega á alcaldesa de dous diplomas de recoñecemento por parte da Subdelegación de Defensa.
Ao longo do encontro, Jesús Antonio Peñas Preckler interesouse pola realidade do rural e polo labor que se desenvolve en Porqueira para manter vivo o territorio, destacando a importancia dos pequenos concellos.
Ademais, informou sobre as posibilidades de incorporarse á Reserva Voluntaria das Forzas Armadas, unha figura que permite á cidadanía colaborar de forma temporal co Exército achegando a súa experiencia e coñecementos, compatibilizando este compromiso coa súa vida persoal e profesional, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nas convocatorias do Ministerio de Defensa.
O Concello agradece a visita institucional e a oportunidade de poñer en valor a memoria histórica do municipio, así como de achegar á veciñanza información de interese sobre as iniciativas promovidas desde o Ministerio de Defensa.
