lunes. 13.07.2026

O pleno do Concello de Porqueira, celebrado o pasado venres, 10 de xullo, deu conta do informe elaborado pola Intervención Xeral da Deputación de Ourense en relación cos descadres contables detectados nas caixas de efectivo de varios servizos municipais. A alcaldesa, Susana Vázquez Dorado, solicitara o pasado 10 de abril a designación da interventora xeral da Deputación para emitir un informe técnico sobre o contido dos informes de recadación asinados polo secretario-interventor municipal en novembro de 2022 e febreiro de 2024, ao abeiro do artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local.

Os informes previos do secretario-interventor advertían dun descadre de 2.000 euros mensuais na caixa correspondente ao Servizo de Axuda no Fogar, de diferenzas de 525 euros e 825 euros nos exercicios 2022 e 2023 no Servizo de Rozas, e da ausencia de ingresos procedentes das cotas da Piscina Municipal neses mesmos anos, malia constaren facturas de gastos relativos a esa instalación por importe de 5.365,98 euros. O secretario-interventor sinalaba ademais que os ingresos dos servizos municipais e da instalación deportiva non poden ter a consideración de "operacións diarias", que o Concello carece de ordenanza que regule a recadación, e que resulta inasumible que Secretaría, Intervención e Tesourería asuman conxuntamente o control financeiro da caixa de efectivo.

O informe da Intervención Xeral da Deputación, asinado pola interventora Mónica Legaspi Díaz, matiza estas conclusións. Segundo os seus cálculos, a priori e sen prexuízo de verificar os maiores das contas, o descadre total ascendería a un importe aproximado de 790 euros, unha cifra que choca frontalmente coa apreciada polo secretario-interventor para o Servizo de Axuda no Fogar. O informe tamén matiza a interpretación sobre as "operacións diarias", ao considerar que esa definición non depende da regularidade temporal dos ingresos senón da súa natureza. Aínda así, comparte a necesidade de que o Concello regule formalmente a creación das caixas de efectivo e nomee aos habilitados responsables, e recomenda intensificar o control interno dos ingresos da entidade. O propio informe recoñece, por outra banda, que o escaso soporte documental incorporado ao expediente non permite realizar unha análise máis rigorosa.

Fronte a este informe, o BNG de Porqueira considera insuficientes as explicacións ofrecidas polo goberno municipal durante o pleno. A portavoz nacionalista, Sonia Fondevila, sostén que o documento "recoñece que falta información suficiente para saber con certeza que ocorreu" e afirma que o seu grupo "non acepta que a alcaldesa presente este informe como se todo estivese aclarado". Segundo denuncia, durante a sesión non se explicou de onde sae a cifra final dos descadres nin se achegou documentación que permita contrastala, polo que o BNG reclama os xustificantes de pagamento e ingreso vinculados ao Servizo de Axuda no Fogar entre 2021 e 2025, así como os maiores contables e o rexistro completo de movementos das caixas afectadas. A formación nacionalista insiste en que o Concello debe cumprir "condicións mínimas de transparencia, control e trazabilidade dos ingresos públicos".

A intervención xeral da Deputación rebate os informes do anterior secretario de...